Inicio Carballo ao día Novas Asinados os contratos de colocación de...

Asinados os contratos de colocación de postos durante as festas de San Xoán e do espectáculo pirotécnico do día 25

Publicado o tradicional bando da Alcaldía no que se dispensa, entre o 22 e o 30 de xuño, da prohibición de utilizar grellas na vía pública

Xoves 14 de xuño do 2018

Evencio Ferrero e o representante de Pirotecnia Rocha-Areas SL

Evencio Ferrero e o representante de Pirotecnia Rocha-Areas SL

A proximidade do San Xoán nótase na práctica totalidade das áreas de goberno, entre elas a de Contratación. De feito, hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, asinou dous contratos directamente relacionados coas festas. Coa empresa Pirotecnica Rocha-Areas SL, o correspondente ao espectáculo pirotécnico do día 25, por un importe de 11.500 euros, e con Pombo Eventos Atracciones de Feria SL, o de colocación de postos durante a semana grande, por un canon de 24.900 euros máis IVE. Estes días empeza a mudar o aspecto non só da Praza do Concello, senón tamén de espazos coma o San Martiño, que será outro dos centros da festa grazas á instalación das atraccións.

Con respecto aos fogos artificiais do luns 25 convén lembrar as recomendacións básicas, xa que este tipo de espectáculos supoñen sempre certo risco. Por iso, toma nota:

  • É conveniente acudir coa antelación suficiente ao lugar de celebración, polo menos uns 30 minutos antes.
  • Deben obedecerse as instrucións do persoal de seguridade e organización do evento e respectar as barreiras de seguridade. Non hai que achegarse ao lugar onde están lanzando os lumes. De feito, a mellor vista dos lumes artificiais é a 100 metros de distancia ou moito máis alá.
  • No caso de acudir con nenos pequenos (non levar nunca bebés con carriños, etc., por propia seguridade) é conveniente chegar pronto para situalos xunto á barreira de seguridade para unha maior comodidade.
  • En caso de sentirse mal (lipotimias, mareos) ou sufrir algunha ferida durante o espectáculo, acudir aos profesionais de asistencia sanitaria que estarán situados de forma estratéxica ao longo da barreira de seguridade.
  • Durante o disparo dos fogos artificiais é bastante frecuente, se estamos situados na dirección do vento, que caian restos de cinza. En caso de introducirse nos ollos, convén lavar con auga abundante e non frotalos. 
  • Aínda que é raro que ocorra, se un compoñente do lume artificial cae ao piso sen explotar preto de ti, non se debe tocar, nin empuxalo co pé (xa que se pode reactivar e explosionar). Hai que avisar inmediatamente a persoal de seguridade do evento: Policía, Bombeiros. Nunca o manipules.
  • Deixa ás mascotas en casa porque teñen os oídos sumamente sensibles ás explosións e adoitan ser moi desagradables para eles, en especial para os cans.

Bando sobre as sardiñadas

Un ano máis, e co ánimo de contribuír ao mantemento dunha tradición tan arraigada coma a das sardiñadas, o alcalde de Carballo ditou un banco no que se dispensa, no período comprendido entre o 22 e o 30 de xuño, da prohibición xeral de utilizar grellas na vía pública.

Sen embargo, as persoas que desexen realizar sardiñadas ou churrascadas deben poñer en coñecemento da Policía Local cunha antelación mínima de 24 horas, o lugar onde se van realizar e adoptar as medidas de precaución que dispoñan os axentes.

No bando tamén se especifica que a dispensa non exime do cumprimento das normativas sobre ruído, fumes, tránsito peonil, distancias de seguridade ou limpeza de espazos públicos, e que debe velarse en xeral pola non afectación aos dereitos de terceiras persoas.

Compartir: