Inicio Carballo ao día Novas A xuntanza de “Empoderamento da muller con cancro...

A xuntanza de “Empoderamento da muller con cancro de mama” encheu o auditorio do Fórum

A xuntanza de “Empoderamento da muller con cancro de mama” encheu o auditorio do Fórum

Xoves 14 de xuño do 2018

O doutor Aparicio, ao fondo á dereita, é o impulsor das xornadas

O doutor Aparicio, ao fondo á dereita, é o impulsor das xornadas

A xornada de Empoderamento da muller con cancro de mama celebrada hoxe en Carballo encheu o auditorio do Fórum. Entre o público, integrado na súa práctica totalidade por mulleres, estiveron ao inicio da sesión o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; a concelleira socialista Mari Carmen Vila, e a concelleira de Igualdade e Benestar, a nacionalista Maica Ures. O obxectivo da iniciativa, organizada polo servizo de Oncoloxía do CHUAC e a Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Carballo, é que as persoas que superaron a enfermidade poidan despexar dúbidas, abordar cuestións de interese común e compartir experiencias.

A xornada foi inaugurada polo doutor Luís Antón Aparicio, xefe da área de Oncoloxía do centro hospitalario coruñés, e o presidente da Deputación, que gabou esta "iniciativa sociosanitaria pioneira que pretende chegar a máis de 1.000 mulleres en toda a provincia e que permite non só ofrecer recursos ás mulleres que superaron o cáncer de mama para resolver as dúas dúbidas e continuar a súa vida nas mellores condicións, senón que ademais permite ao profesionais da sanidade pública obter un interesante feedback sobre cales son os asuntos que lles preocupan", afirmou.

Temas como a sexualidade, o embarazo, a depresión e ansiedade, os coidados das zonas afectadas foron algúns dos aspectos abordados polos diferentes especialistas en medicina, enfermería, psicoloxía que participaron no foro, no que ademais as mulleres tiveron oportunidade de compartir as súas experiencias en torno a unha doenza que supón un de cada tres novos casos de cáncer detectados en mulleres, pero que conta a día de hoxe cun elevado índice de supervivencia, de máis do 80%. Os expertos incidiron tamén na importancia da sensibilización da poboación sobre a detección precoz da enfermidade para seguir aumentando esta cifra.

Nas xornadas participaron varias especialistas

Nas xornadas participaron varias especialistas

As xornadas contaron coa participación de especialistas coma as enfermeiras Shalom Rivera, que explicou os coidados de enfermería e a epidemioloxía do cancro de mama, que afecta cada ano a 26.000 mulleres en España, 350 delas só na área sanitaria coruñesa. A xinecóloga Carlota Díaz Carballada abordou cuestións relativas á fertilidade, a sexualidade e o embarazo tras o cancro; mentres que a psicóloga María Comillas de la Vega centráronse nos aspectos psicolóxicos da enfermidade. A oncóloga Silvia Antolín, o fisioterapeuta Julio Aparicio, o dermatóloga Carmela Pestoni e a socióloga Luz Campello completaron o programa de ponentes desta xornada, que se desenvolverá tamén en Cee (Casa da Cultura, 6 de setembro) e A Coruña, onde a organización prevé reunir a máis de 500 mulleres no Teatro Colón o vindeiro 8 de novembro.

App para móbiles

A organización conta tamén, grazas ao apoio económico da Deputación, cunha app para dispositivos móbiles (EMCM18), que permite ás interesadas rexistrarse nas diferentes xornadas informativas que se realizarán na provincia, coñecer os detalles do programa, obter información sobre determinados aspectos de interese e manter o contacto a través dun foro no que poden compartir as súas experiencias.

Compartir: