Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo xa remitiu á FEMP o...

O Concello de Carballo xa remitiu á FEMP o compromiso de colaboración na acollida de refuxiados do “Aquarius”

Dende a área de Igualdade e Benestar póñense a disposición do Goberno todos os recursos encamiñados a facilitar a súa integración

Mércores 13 de xuño do 2018

“Nin queremos nin podemos mirar para outro lado”, asegura o alcalde de Carballo con respecto ao drama das 629 persoas refuxiadas a bordo do Aquarius que foxen da miseria e a violencia nos seus países de orixe para buscar unha vida mellor. Evencio Ferrero ofreceu desde o primeiro momento a colaboración do Concello de Carballo ante este “drama humano”, e hoxe mesmo dende a área de Igualdade e Benestar enviouse á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) o compromiso de colaboración na acollida de refuxiados/as.

Ao igual que se fixo no 2015 coa adhesión á rede de concellos acolledores de refuxiados/as sirios/as, o departamento que dirixe Maica Ures ofrécese a desenvolver programas de emerxencia social e educación familiar, un dispositivo especial no Centro de Información á Muller, un servizo de busca de emprego a través da Bolsa de Traballo municipal, clases de español e de galego, un servizo telemático de tradución e un programa de información, orientación e valoración que suporía o primeiro contacto cos/as posibles usuarios/as.

Un equipo da Concellaría de Igualdade e Benestar integrado por traballadoras/es sociais, unha psicóloga e unha avogada realizaría a acollida e as tarefas básicas para facilitar o seu proceso de adaptación, o que inclúe aspectos xurídicos, sanitarios e escolares, vivenda e relación e coordinación co resto de Administracións ás que se considere convinte derivar ás persoas refuxiadas. O mesmo equipo de profesionais encargarase da coordinación das oenegués do municipio que participen no proceso de acollida.

“Queremos que o noso concello e este país sexan un reflexo da súa veciñanza, que sabe moi ben o que é saír fora para buscarse o pan e o sustento fora dos seus fogares, que sabe moi ben o que é saír das súas casas para buscar unha vida mellor

Ao mesmo tempo faise un chamamento á colaboración dos propietarios que estean en disposición de ceder pisos ou casas. “Nós temos recursos, pero non temos vivendas”, explica Maica Ures. Esas vivendas pasarían a formar parte da bolsa de aluguer social municipal. O obxectivo da Concellería de Igualdade e Benestar é dispoñer dunha oferta o máis ampla posible aínda que finalmente non chegue a ser precisa.

“Temos as portas abertas para darlles acollida e poñer o noso modesto grao de area”, sinala Evencio Ferrero. “Queremos que o noso concello e este país –engadiu- sexan un reflexo da súa veciñanza, que sabe moi ben o que é saír fora para buscarse o pan e o sustento fora dos seus fogares, que sabe moi ben o que é saír das súas casas para buscar unha vida mellor”.

Compartir: