Inicio Carballo ao día Novas A Pequefeira amosa a faceta máis...

A CITA É O VENRES 8

A Pequefeira amosa a faceta máis emprendedora do alumnado que participa no Horto Infantil Ecolóxico Municipal

No caso de choiva os postos de venda trasladaranse ao segundo andar do Mercado Municipal

Xoves 7 de xuño do 2018

Así de vizosas están as leitugas cultivadas pola rapazada do Horto

Así de vizosas están as leitugas cultivadas pola rapazada do Horto

Leitugas, rabaniños, flores, plantas aromáticas... Carballo encherase de novo de produtos ecolóxicos cultivados con todo o agarimo polos cativos e cativas do municipio grazas á Pequefeira. Este venres celébrase a segunda edición desta cita na que os e as peques do Horto poñen á venda con toda a súa ilusión os produtos da horta cultivados por eles (os que estean prontos, porque este curso van todos os cultivos con atraso debido a este inverno que non marcha), os traballos manuais e tamén os produtos fitosanitarios ecolóxicos nos que levan traballando todo o ano.

E para espertar aínda máis o interese, tamén haberá algunha sorpresa entre os postos, que estarán situados na Praza do Concello –no 2º andar do Mercado Municipal en caso de choiva–e abertos ao público de 11.00 a 12.30 horas.

Trátase da segunda edición da Pequefeira, despois da primeira celebrada en 2015, e nesta ocasión volven a participar os rapaces e rapazas que acoden aos obradoiros do Horto que teñen lugar na rúa Nardos, e tamén quen participan das actividades nos centros educativos, xa que a Concellaría de Promoción Económica, que dirixe Xosé Regueira, estende durante todo o curso as actividades do Horto Infantil a colexios en todo o termo municipal para que todos os nenos e nenas teñan a oportunidade de traballar coa terra, de aprender sobre o medio natural e de xogar e divertirse mentres ven medrar o que eles mesmos coidan día a día.

Os centros que participan son os CEIP Fogar, Xesús San Luís Romero, Nétoma-Razo e Gándara-Sofán, o CPR Artai e o CRA Ponte da Pedra. Aínda que os nenos e nenas da Escola Infantil As Landras si que desenvolven actividade ao longo do ano, non participan na Pequefeira porque son moi cativos. Coa celebración da PequeFeira ponse fin á actividade do curso no Horto na que participaron dunha ou outra forma ao redor de 1.600 escolares de Educación Infantil e Primaria.

Compartir: