Inicio Carballo ao día Novas 15 mulleres participan no programa...

15 mulleres participan no programa “Autocoñecemento para o cambio”, promovido pola Concellaría de Igualdade e Benestar

Rematados os dous primeiros bloques, centrados na autonomía persoal e as relacións de igualdade, en setembro arrancará o terceiro

Mércores 6 de xuño do 2018

A concelleira Maica Ures visitou ás mulleres no último día antes das vacacións

A concelleira Maica Ures visitou ás mulleres no último día antes das vacacións

15 mulleres do noso concello están a participar desde xaneiro no programa psicoeducativo Autocoñecemento para o cambio, baseado nunha serie de aspectos vitais que favorecen o crecemento persoal e a mellora da saúde e a calidade de vida das persoas. A partir de hoxe faise un parón ata setembro, e as participantes recibiron a visita da concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que lles expresou o seu desexo de que grazas a este tipo de iniciativas mellore a súa autoestima, se queiran máis e consigan tamén ser máis queridas.

O programa, organizado pola Concellaría de Igualdade e Benestar a través do CIM, consta de tres bloques. No primeiro, sobre autocoñecemento, traballáronse durante os tres primeiros meses os recursos básicos dos que dispoñen as persoas para o crecemento e a autonomía persoal. Neste segundo trimestre abordáronse os vínculos afectivos de cara a propiciar relacións de igualdade. E no terceiro bloque, que se desenvolverá de setembro a decembro, trataranse os conflitos e as dificultades que se presentan ao longo da vida e as aprendizaxes que se poden sacar deles.

O desenvolvemento do obradoiro corre a cargo de Olalla Villaronga Seoane, psicóloga social especializada na terapia do reencontro, que combina un enfoque de xénero, terapéutico e comunitario. A metodoloxía é participativa e vivencial, a través de dinámicas que promoven a reflexión individual e colectiva e que permite que cada persoa traballe sobre as súas propias experiencias sen necesidade de compartilas. As sesións celébranse todos os mércores de 10.00 a 12.30 horas.

Compartir: