Inicio Carballo ao día Novas Máis do 90% dos preto de 72.000 recibos...

RECADACIÓN MUNICIPAL

Máis do 90% dos preto de 72.000 recibos que se poñen ao cobro cada ano en Carballo páganse no período voluntario

Mañá, día 31, remata o prazo para abonar o imposto sobre vehículos e as taxas por recollida e lixo, vaos permanentes e reserva de aparcamento

Mércores 30 de maio do 2018

O ano pasado puxéronse ao cobro no noso concello preto de 72.000 recibos correspondentes aos impostos sobre bens inmobles, actividades económicas e vehículos e ás taxas por recollida de lixo, reserva de espazos para estacionamento e venda na feira da Milagrosa. O 93% deses recibos foron aboados no período voluntario, unha porcentaxe que reflicte, en palabras do alcalde, Evencio Ferrero, a eficacia do servizo municipal de recadación.

De feito, as elevadas porcentaxes de pago non foron exclusivas do 2017, senón que se corresponden coa tónica habitual dos últimos anos, tal como se recolle na memoria do recadador municipal. No período executivo as dificultades para cobrar son maiores, sobre todo porque na maioría dos casos os debedores son empresas que xa non teñen actividade ou que se atopan en situación de concurso de acredores. Os expedientes de embargo de contas bancarias tramitados neste período non chegaron a 200.

Último día para lixo, vaos, aparcamentos e vehículos

O 31 de maio é, por costume, a data límite para facer efectivos en período voluntario os recibos correspondentes ás taxas por recollida de lixo, vaos e reserva de aparcamentos, así coma ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM). Mañá, polo tanto, será o último día para realizar os pagos. A Oficina Municipal de Recadación, situada nas galerías da rúa Camiño Novo 7, está aberta de 09.00 a 13.30 e de 16.00 a 18.00 horas para facilitar as xestións aos contribuíntes.

A domiciliación bancaria é unha materia pendente, xa que unicamente o 35% dos recibos son aboados por este sistema. Isto significa que nas oficinas do Servizo Municipal de Recadación páganse 47.000 recibos. As persoas que queiran optar pola domiciliación simplemente teñen que facilitar os seus datos bancarios.

Compartir: