Inicio Carballo ao día Novas Avanza a tramitación da segunda fase da...

Avanza a tramitación da segunda fase da travesía de Sísamo coa apertura do prazo de exposición do proxecto

As persoas interesadas dispoñen de 10 días para formular alegacións, e no caso de que non as haxa entenderase que o proxecto estará aprobado definitivamente para iniciar a contratación

Mércores 30 de maio do 2018

A liña marela correspóndese co treito da segunda fase das obras

A liña marela correspóndese co treito da segunda fase das obras

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o acordo de aprobación provisional do proxecto da segunda fase da travesía de Sísamo, que conta xa co respaldo unánime da corporación provincial. A tramitación, polo tanto, continúa avanzando. As persoas interesadas dispoñen de 10 días a partir de mañá para presentar alegacións, e no caso de que non as haxa entenderase que o proxecto está aprobado definitivamente e porase en marcha o procedemento de contratación para que as obras poidan empezar este mesmo ano.

O proxecto abrangue entre os quilómetros 0,290 e 0,802, desde o remate da primeira fase ata a rúa Nacente, pola que se accede ao IES Monte Neme. É o treito máis urbano da vía e levará o mesmo tratamento que a primeira fase, con plataforma única e, sobre todo, coa renovación de todos os servizos urbanísticos. A rúa contará con novo alumeado en columnas de aceiro inoxidable, como na fase xa executada; novas canalizacións de telefonía e cable onde non existe, rede separativa de augas pluviais e residuais e tamén unha moderna rede de abastecemento que evitará as avarías. En superficie habilitaranse dous carrís de tres metros de ancho con zonas de aparcamentos, e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros. En definitiva, daráselle continuidade ao modelo implantado nos primeiros metros da avenida das Flores.

O prazo de execución é de 12 meses e o obxectivo é que a obra contribúa ao desenvolvemento urbano nese ámbito tendo en conta as condicións de accesibilidade, supresión de barreiras arquitectónicas e mobilidade sostible e segura.

O orzamento acada os 818.662,08 euros, que serán financiados na súa totalidade pola Deputación da Coruña. A Deputación tamén se encargará da contratación da obra, mentres que o Concello de Carballo comprométese a xestionar os terreos precisos para a súa execución e a asumir a titularidade da vía unha vez urbanizada. Os servizos técnicos municipais están a traballar nas propostas de adecuación das vías que se utilizarán de xeito alternativo durante a execución das obras, o mesmo tempo que preparan o proxecto para a terceira fase, que completará a travesía ata a zona da igrexa de Sísamo, e que está previsto acometer a continuación.

Compartir: