Inicio Carballo ao día Novas Internacionalización e relevo xeracional...

Internacionalización e relevo xeracional central a terceira e última sesión das Xornadas Empresariais de Bergantiños

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o promotor da iniciativa, pecharán a terceira edición

Luns 28 de maio do 2018

A terceira sesión das Xornadas Empresariais de Bergantiños completará o amplo, variado e interesante programa de charlas e mesas redondas que se vén desenvolvendo no Fórum Carballo ao longo deste mes de maio. Despois de analizar exemplos empresariais de éxito, de afondar na importancia do márketing e da venda online e de coñecer os principais riscos da empresa, chega o momento de falar de futuro. E iso é o que farán os/as participantes na sesión de mañá martes.

A xornada comezará ás 17 horas coa intervención de Sergio Prieto López, funcionario do corpo superior do Estado e director territorial do Instituto de Comercio Exterior en Galicia, que falará sobre Internacionalización da empresa española no mercado global. Experiencias e recomendacións.

Unha hora máis tarde Isidoro Antonio Calvo Vidal, notario, doutor en Dereito e membro do grupo de expertos do consello da Unión Europea para a interconexión dos rexistros testamentarios, centrarase no Relevo xeracional na empresa familiar. Patrimonio societario e privativo.

Despois dun coloquio e dun breve descanso, ás 19.45 horas serán clausuradas estas terceiras Xornadas Empresariais de Bergantiños coas intervencións do seu director e organizador, Antonio Álvarez González, e do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez.

Carballo acolle por terceiro ano consecutivo esta iniciativa da empresa Eurogabinete -coa colaboración do Concello, o Ministerio de Economía e a asociación para o impulso do desenvolvemento sostible Castaño y Nogal- que ten como obxectivo reducir o elevado índice de fracaso empresarial para, pola contra, impulsar experiencias emprendedoras de éxito.

Compartir: