Inicio Carballo ao día Novas Avanzan os traballos de posta a punto das praias...

ESTE ANO TEMOS 3 BANDEIRAS AZUIS, 2 CERTIFICADOS DE CALIDADE AMBIENTAL E 1 SENDEIRO AZUL

Avanzan os traballos de posta a punto das praias de cara ao inminente comezo da temporada de verán

O 1 de xuño arrancará a temporada alta para o servizo de limpeza e o 9 empezará a traballar tamén o servizo de salvamento

Luns 28 de maio do 2018

O desenvolvemento sostible do noso litoral é un obxectivo no que estamos a traballar desde diferentes frontes, dende a recente inspección das canalizacións de augas pluviais e residuais ata a posta en marcha de programas de promoción turística. Outro dos aspectos nos que estamos a colaborar dende as áreas de Medio Ambiente, Promoción Económica, Obras e Servizos e Protección Civil é a mellora permanente dos servizos á cidadanía no noso litoral, un labor que vén de ser recoñecido, un ano máis, por Adeac-Fee con tres bandeiras azuis para as praias de As Saíñas, Pedra do Sal e Razo e un sendeiro azul para a Senda do Mar Razo-Baldaio.

Pero en Carballo imos un paso máis alá, ao renovar para esas tres praias dúas das certificacións ambientais máis esixentes no que a xestión ambiental se refire: o ISO 14.001:2004 e o Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), considerado o de maior prestixio dos que están implantados en Europa. Carballo é o único concello da Costa da Morte, e un dos poucos de Galicia, que conta con estes certificados de calidade, que  implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.

Limpeza e salvamento

As máquinas traballaron nos últimos días na desembocadura dos regos Barcia e Pardiñas

As máquinas traballaron nos últimos días na desembocadura dos regos Barcia e Pardiñas

Nese obxectivo permanente da mellora dos servizos, o 1 de xuño comezará a temporada alta para o servizo de limpeza nos areais de Razo, As Saíñas, Pedra do Sal, Arnela e Leira, nos que se realizarán traballos diarios de posta a punto tanto nas propias praias como nos accesos, aparcadoiros, zonas verdes, postos de socorristas, servizos hixiénicos e baleirado de papeleiras. A limpeza realizarase con medios mecánicos agás nas zonas de aniñamento da píllara das dunas, na que será menos intensiva e manual, xa que se trata dunha especie ameazada que estamos intentando protexer sinalizando debidamente os seus niños, e que desde aquí aproveitamos para pedirvos que respectedes e fagades respectar.

Do mesmo xeito, lembrámosvos que desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro está prohibida totalmente a presenza de cans nas praias, unha prohibición que se estende a todo o ano nos espazos da lagoa, a marisma e trasdunas de Baldaio.

Desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro está prohibida totalmente a presenza de cans nas praias, unha prohibición que se estende a todo o ano nos espazos da lagoa, a marisma e trasdunas de Baldaio

Nas últimas semanas estamos a traballar tamén na posta a punto do mobiliario urbano, que todos os anos sofre as consecuencias dos temporais durante o inverno, e eliminando o tapón de area que se produce na desembocadura dos regos de Barcia e Pardiñas. Este labor, que se vén realizando nos últimos anos, permite que a auga circule polo seu curso natural e facilita o uso da zona da explanada por parte das persoas usuarias do noso litoral.

O día 9 de xuño tamén empezará a operar o servizo de salvamento e socorrismo, que estará activo durante tres meses.

Compartir: