Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aprobará o...

PLENO ORDINARIO

A corporación municipal aprobará o vindeiro luns as obras que se executarán con cargo ao superávit do ano pasado

Mellora do núcleo de Castrillón, arranxo do campo da festa de Aldemunde, pavimentación da praza de Ardaña, servizos da senda peonil da AC552 a Coristanco e reurbanización da contorna do Fórum

Venres 25 de maio do 2018

O espazo que se acondicionará en Aldemunde está situado diante da antiga escola

O espazo que se acondicionará en Aldemunde está situado diante da antiga escola

A corporación municipal aprobará no pleno ordinario do vindeiro luns os proxectos que se executarán con cargo ao superávit do ano pasado. Cun orzamento total e 1.387.207,60 euros, a proposta do equipo de goberno inclúe cinco obras, tres na zona rural que foron solicitadas polos consellos parroquiais e dúas na urbana,  que son as seguintes:

  • Conservación e mellora do núcleo de Castrillón (Lema): 249.865,92 €
  • Acondicionamento do espazo público destinado a praza en Aldemunde: 112.873,63 €
  • Pavimentación da praza do Centro Social de Ardaña, do acceso ao cemiterio e soterramento de cableado: 45.932,11 €
  • Dotación de servizos urbanos na senda peonil e ciclista da AC552 comprendida entre os quilómetros 32+620 e 34+480: 513.703,65 €
  •  Reurbanización da contorna do Fórum Carballo para mellora da accesibilidade e a seguridade: 464.832,29 €

O alcalde presentou hoxe os asuntos que integran a convocatoria da sesión plenaria. Ademais dos investimentos con cargo ao superávit, o goberno municipal proporá a adhesión ao convenio coa Deputación da Coruña para regular o proxecto do Parque Arqueolóxico de Megalitismo da Costa da Morte. Evencio Ferrero valorou moi positivamente a iniciativa da Deputación, que permitirá acometer un proxecto presentado pola Consellería de Cultura hai dez anos pero que “segue hibernando”. Con este plan alternativo será posible “dinamizar o patrimonio”, no caso de Carballo o dolmen de Pedra Moura, e ademais será “un reactivo para a promoción da Costa da Morte”.

O goberno municipal pedirá tamén o apoio de todos os grupos para a declaración do Trail Running Costa da Morte como actividade de interese, xa que este evento deportivo e turístico que se celebrará en setembro ao longo de 265 quilómetros permitirá proxectar a zona e Galicia como destino a nivel internacional, dinamizar as zonas polas que discorre e dar a coñecer os nosos recursos.

Entran en vigor as bonificacións do IAE e o IBI

No pleno do luns tamén se aplicarán por primeira vez, tras a súa entrada en vigor, as ordenanzas que establecen bonificacións do IBI e o IAE de ata o 95% (que se suman ás do ICIO, vixentes con anterioridade) para as empresas locais. O primeiro beneficiario será un laboratorio e centro de prótesis dental que se instalará na rúa Vila de Negreira. Carballo, que vén de recibir o certificado de concello Doing Bussines, vai máis alá das medidas establecidas no protocolo da Xunta e é hoxe por hoxe “un dos concellos galegos que aplica máis bonificacións ás empresas”, sinalou o alcalde.

Descargas

Compartir: