Inicio Carballo ao día Novas As parroquias de Ardaña e Berdillo...

As parroquias de Ardaña e Berdillo completan o plan de mellora das pistas secundarias e arranca o de aglomerado das principais

Evencio Ferrero asinou hoxe contratos para a execución de obras por case 700.000 euros

Mércores 23 de maio do 2018

A sinatura dos contratos tivo lugar na Alcaldía a última hora da mañá

A sinatura dos contratos tivo lugar na Alcaldía a última hora da mañá

Evencio Ferrero asinou hoxe coa empresa Lancer tres contratos para a execución doutros tantos proxectos de obras nos que o Concello de Carballo investirá un total de 695.776,21 euros con cargo ao superávit do 2016.

A contía máis importante corresponde á reurbanización da contorna do CEIP A Cristina, á que se destinan 343.781,85 euros. As obras, que seguirán o modelo implantado na zona do CEIP Xesús San Luís Romero, afectarán ás rúas Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela e Celso Emilio Ferreiro, nas que, ademais de actuar para mellorar a accesibilidade e a seguridade do alumnado, está prevista a instalación ou renovación de todas as infraestruturas dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, recollida de pluviais, rede eléctrica, telecomunicacións, gas e alumeado, que supoñen unha parte moi importante do orzamento, ademais dun tratamento en superficie con plataformas únicas, mobiliario urbano e axardinamento.

A mesma construtora resultou adxudicataria doutras dúas actuacións, nestes casos na zona rural. Por unha banda, cun orzamento de 130.670,61 euros, figura a mellora integral da rede viaria secundaria da parroquias de Berdillo e Ardaña. Con elas completaranse as actuacións de asfaltado nas 18 parroquias, cun investimento total próximo aos dous millóns de euros. O obxectivo é que as obras se leven a cabo o antes posible para que estean listas antes de que remate o verán.

Por outra banda, o plan integral de asfaltados vai rematando e o Concello de Carballo pon en marcha o de aglomerado das vías municipais cualificadas como estruturantes polo nivel de circulación ou porque serven de comunicación entre parroquias. Hoxe o alcalde tamén asinou coa empresa Lancer o contrato do proxecto de mellora da capa de rodadura en vías de Lema, Noicela, Rebordelos e Aldemunde, cun orzamento de 221.323,75 euros. Nun caso trátase de aglomerar a estrada que atravesa as tres parroquias costeiras e no outro, a vía que vai desde A Fonte ata Aldemunde de Arriba. As dúas son peticións dos consellos parroquiais.

Compartir: