Inicio Carballo ao día Novas Evencio Ferrero foi “vítima” dun asalto...

Evencio Ferrero foi “vítima” dun asalto poético do alumnado do CEIP Fogar

Hoxe tamén recibimos a un grupo de nenos e nenas do mesmo centro carballés nunha visita guiada polas dependencias municipais

Martes 22 de maio do 2018

Os nenos e as nenas participantes no asalto poético cos seus asaltados

Os nenos e as nenas participantes no asalto poético cos seus asaltados

A Casa do Concello estivo tomada hoxe polo alumnado do CEIP Fogar. Poucos minutos despois das 10.00 horas reuníase no salón de plenos o primeiro dos dous grupos de nenos e nenas que van percorrer esta semana as dependencias municipais. As visitas escolares son habituais durante todo o curso, xa que permiten coñecer máis de preto a Administración municipal, reforzar coñecementos adquiridos na aula e achegar aos cativos/as á realidade na que viven. E, como é habitual, os nenos e nenas chegaron cos petos cheos de munición.

No encontro inicial co alcalde, ao que tamén se sumou o concelleiro Marcos Trigo, bombardearon a Evencio Ferrero con todo tipo de preguntas, desde as persoais ata as institucionais, e sobre todo tipo de temas, desde a política medioambiental do Concello de Carballo ata quen deseñou o edificio municipal. Por suposto, tamén houbo anécdotas. Algunha mesmo se repite con distintos grupos de diferentes coles, xa que algúns dos/as participantes pensan que a foto de Felipe VI que preside o salón de sesións é unha foto do alcalde “un pouco máis novo”.

Despois da charla co alcalde, o alumnado continuou a visita guiada por distintas dependencias municipais e Evencio Ferrero retomou a súa axenda. Estaba en plena reunión na Alcaldía cando foi vítima dun asalto poético por outro grupo de nenos e nenas do CEIP Fogar, estes un pouco máis maiores. Pouco a pouco foron entrando e disparando versos con moita soltura, proba de que –como confesou despois o director do centro, Fernando Garea- xa levan feito uns cantos asaltos destas características. A preparada representación rematou con aplausos e cun agasallo como compensación para o alcalde: un libro de poemas de Manuel María. Desde logo, non puideron estar máis atinados!

Como foi por sorpresa non temos a gravación desde o principio, pero neste vídeo recollemos a maior parte dese asalto poético.

Vídeos



Galería

Compartir: