Inicio Carballo ao día Novas Un cento de capoeiristas participan esta fin de...

Un cento de capoeiristas participan esta fin de semana na intensa programación do 9º Batizado de Abadá Capoeira

Despois de dous días de adestramentos no Fórum, mañá sábado ás 20.00 horas ofrecerán unha exhibición pública na Praza do Concello

Venres 18 de maio do 2018 Deporte

Marcos Trigo e África Alberti, na presentación das actividades

Marcos Trigo e África Alberti, na presentación das actividades

Estes días podes atoparte con persoas vestidas de branco case en calquera punto de Carballo, porque temos a un cento de capoeristas celebrando a festa de fin de curso da Asociación Abadá Capoeira no Fórum Carballo, no complexo deportivo Carballo Calero e na Praza do Concello. Nos dous primeiros están a celebrarse os adestramentos para a gran exhibición pública que terá lugar mañá na praza e para o acto final do 9º Batizado ou Troco de Cordas, que será o domingo ás 11 no auditorio de Cabana de Bergantiños.

O concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e a representante de Abadá Capoeira Bergantiños, África Alberti, presentaron hoxe o programa dunha celebración que vén formando parte nos últimos anos da oferta lúdico-deportiva do remate da primavera, e que demostra unha vez máis a excelente acollida e o crecemento dunha actividade como a capoeira no noso concello e na comarca. “Carballo –dixo ao respecto o concelleiro- xa é un punto importante do mundo da capoeira”.

África Alberti destacou que mañá teremos a oportunidade de ver en acción a capoeiristas de recoñecemento internacional chegados desde Madrid, Barcelona, Burgos ou Vigo, pero tamén aos preto de 50 alumnos/as cos que conta Abadá Capoeira en Bergantiños, que farán o seu batizado, no caso dos/as novos/as, ou o troco de cordas, os/as que suben de nivel. Os/as máis pequenos/as serán dobremente protagonistas, porque este ano foron os/as encargados/as de deseñar as ilustracións para as camisetas conmemorativas.

A representante da asociación agradeceu a colaboración do Concello de Carballo, “porque o soporte que da –dixo permite que se poida facer algo bonito, algo grande”.

Vídeos

Compartir: