Inicio Carballo ao día Novas O barrio da Milagrosa inicia unha nova viaxe no...

OS CONCELLEIROS LUIS LAMAS E MIGUEL VALES ASISTIRON Á INAUGURACIÓN

O barrio da Milagrosa inicia unha nova viaxe no tempo a través dun Mercado Medieval no que non falta detalle

Talleres infantís, exhibicións de cetrería, demostracións de forxa ou cuño de moedas, obradoiros de esgrima e moitas máis propostas enchen de actividade a fin de semana

Venres 18 de maio do 2018

Miguel Vales, Jesús Manuel Barreiro, Luis Lamas e Carmen Méndez percorreron os postos

Miguel Vales, Jesús Manuel Barreiro, Luis Lamas e Carmen Méndez percorreron os postos

O barrio da Milagrosa iniciou hoxe unha interesante e atractiva viaxe no tempo grazas á iniciativa da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais, que conta co apoio do Concello de Carballo e da Deputación da Coruña para a celebración do seu Mercado Medieval. Esta iniciativa, que comezou non hai moito tempo case a modo de experimento, é hoxe unha actividade consolidada dentro da oferta lúdico-comercial que se desenvolve no noso concello e que, como poderán comprobar todas as persoas que se acheguen ata A Milagrosa, cada ano gaña en cantidade e, sobre todo, en calidade. Os que xa puideron comprobalo nada máis abrirse as portas foron os concelleiros Luis Lamas e Miguel Vales, que fixeron un percorrido polos postos acompañados polo vicepresidente e a secretaria da asociación, Jesús Manuel Barreiro e Mª Carmen Méndez Brandón.

Nesta edición do 2018, organizada da man de Espartaco Eventos, gañan peso a ambientación medieval, que se estende a boa parte do barrio, e as actividades participativas. Durante estes tres días, desde hoxe ata o domingo pola noite, poderemos ver como se vestía un cabaleiro para o combate ou como se acuñaban as  moedas. Pero non se trata só de mirar, senón tamén de participar, nos talleres de esgrima ou de tiro con arco, estes últimos especialmente pensados para os/as máis pequenos/as.

Os postos de gastronomía e artesanía enchen a praza

Os postos de gastronomía e artesanía enchen a praza

Os nenos e as nenas ocupan un lugar preferente no Mercado Medieval, con talleres, xogos e atraccións especialmente deseñadas para eles/elas pero ao xeito artesanal, como os carruseis de madeira.

Pero ademais das actividades paralelas, que atoparedes en detalle na imaxe adxunta, no Mercado Medieval da Milagrosa teremos durante toda a fin de semana un campamento con exposición de armas, armaduras e outros utensilios, e decenas de postos de postos de artesanía e gastronomía, que complementarán a ampla oferta do comercio do propio barrio. A feira estará aberta de 11.00 a 22.30 horas.



Galería

Compartir: