Inicio Carballo ao día Novas Concello e Gestagua inician en Razo un plan de...

UN ROBOT TELEDIRIXIDO PERCORRE AS CANALIZACIÓNS

Concello e Gestagua inician en Razo un plan de inspección das redes pluviais e residuais que se estenderá ao resto do municipio

As revisións comezan pola zona costeira pola proximidade da campaña estival e dentro dun programa de mantemento e control encamiñado a evitar posibles incidencias

Mércores 16 de maio do 2018

Persoal de Gestagua e o concelleiro Luis Lamas, no furgón equipado para a revisión das redes

Persoal de Gestagua e o concelleiro Luis Lamas, no furgón equipado para a revisión das redes

O Concello de Carballo e Gestagua, a empresa concesionaria do ciclo integral da auga, están a levar a cabo unha campaña de inspección das redes de augas pluviais e saneamento. Pero non é unha campaña calquera, senón que conta coa novidade da utilización dun sistema robotizado con cámara grazas ao cal é posible obter información vital para xestionar correctamente a infraestrutura e o mantemento das instalacións.

A campaña comezou en Razo pola proximidade da tempada estival, aínda que está previsto que se estenda ao resto do concello. O robot, dotado con dúas cámaras –unha dianteira e outra traseira- forma parte dun equipo técnico que tamén inclúe un furgón equipado especificamente para esta tarefa e un sistema de pantallas e ordenadores que permiten non só ver en directo as imaxes captadas polo robot, senón tamén realizar gravacións de todo o percorrido, capturar imaxes fixas e introducir comentarios. Con toda esa información, o propio equipo xera un informe automático sobre o estado da rede inspeccionada. En boas condicións, revisar 70 metros require uns 50 minutos.

O robot introdúcese nas canalizacións

O robot introdúcese nas canalizacións

Na estrea do equipo estiveron o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas; o delegado rexional da zona norte de Gestagua, José Rey; o xefe de explotación de Carballo, Benigno López, e persoal técnico tanto da empresa coma do Concello. As primeiras inspeccións realizáronse na rede de augas pluviais de Razo da Costa, nas que non se detectaron anomalías importantes. “En ocasións –explicou José Rey- detéctase vertidos de aceites, pintura, purín... produtos que deixan restos. Pero este sistema de inspección tamén nos permite detectar conexións mal feitas, roturas ou filtracións e actuar antes de que teñan consecuencias importantes”.

Plan específico para a costa

A elección de Razo como punto de partida da campaña non foi casual. O Concello de Carballo e Gestagua teñen en marcha na zona costeira un plan específico de control e mantemento preventivo que se puxo en marcha xa o ano pasado coa finalidade de mellorar a calidade ambiental do importante espazo natural de Razo-Baldaio, e que permitiu, segundo explica a empresa, “unha notable mellora da calidade ambiental das costas reducindo a cero as incidencias na rede de saneamento”.

Este ano tamén se estableceu un programa extraordinario que se manterá durante a época estival  “para evitar que calquera incidencia puntual poida ocasionar verteduras ou efluentes daniños ás zonas costeiras. Para iso –explican desde Gestagua- ademais dos controis diarios das plantas, realízanse limpezas adicionais mediante camión succionador nas redes de saneamento de Razo, Rebordelos e Pedra do Sal, así coma das súas numerosas instalacións complementarias como son a EDAR de Oza e os seus tres Ebares, a fosa de Netoma, os pozos de grosos das EDAR de Rebordelos e de Razo, e o resto de bombeos de auga residual situados nas concas vertentes ao Atlántico, ata un total de 16 instalacións”.

Así mesmo, a empresa levou a cabo unha campaña de control de verteduras en diferentes puntos do Rego de Pardiñas e na canle proveniente de Oza, realizando controis microbiolóxicos, sectorizando e analizando por tramos, os principais indicadores de calidade das augas, prestando especial atención nos efluentes das instalacións que verten a estes ríos que desembocan na zona costeira.

E todo iso complementarase coa implantación dun sistema de telecontrol en todas as instalacións do ciclo da auga para obter datos a tempo real, o que permitirá actuar con rapidez ante posibles problemas.

O obxectivo é seguir mellorando a calidade das augas e alcanzar os obxectivos da política de calidade e medio ambiente que persigue o Concello de Carballo.

Vídeos

Compartir: