Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa...

A SKATE-PRAZA DA CONTORNA DA BIBLIOTECA REGO DA BALSA SERÁ UNHA REALIDADE NOS VINDEIROS MESES

A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa sesión de hoxe obras na zona urbana e na rural por 378.000 euros

Máis do 60% dos fondos van destinados ás redes de saneamento de Vilar de Cidre e de varios lugares de Sofán

Luns 23 de abril do 2018

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe a adxudicación de obras por un importe total de 378.170,98 euros. Máis do 60% desa cantidade vai destinada a seguir estendendo o servizo de saneamento polas parroquias. En concreto, neste caso inclúese, por unha banda, a rede dos lugares do Cadabuxo, A Ermida e A Rachola, na parroquia de Sofán, que executará a empresa Construcciones Vázquez y Reino cun orzamento de 72.766,98 euros. O prazo de execución é de catro meses a partir da sinatura do contrato. Por outra banda, a empresa Construcciones López Cao resultou adxudicataria, por 160.204 euros, das obras da rede de saneamento de Vilar de Cidre, na parroquia de Razo, cun prazo de execución de cinco meses.

Hoxe tamén foi adxudicado un proxecto pioneiro na Costa da Morte e que conta con gran demanda por parte, sobre todo, da xente nova: a skate-praza que se situará xunto á Biblioteca Rego da Balsa, e que cubrirá esa dobre función de praza pública e circuíto de skate. Neste caso a execución corresponderá á empresa Construcciones López Cao, que dispón dun orzamento de 145.200 euros e un prazo de catro meses.

O proxecto da skate-praza ten dúas finalidades principais. Desde o punto de vista urbanístico, completar a ordenación do solo de equipamentos cunha solución que dea continuidade ao importante espazo dinamizador que xa é a Biblioteca Rego da Balsa e convertendo esa mazá nun elemento xerador de urbanidade de cara ao futuro desenvolvemento de todo ese ámbito. Desde o punto de vista social, a nova praza, deseñada polo mesmo arquitecto que a biblioteca, mantén a filosofía de flexibilidade, dinamismo e intercambio social.

Partindo desas premisas, o novo espazo converterase nunha continuación do patio central da biblioteca, no que poderán realizarse actividades de bibliopraza e que contará cunha zona de extensión da biblioteca infantil con pavimento de caucho e xogos. Tamén se creará unha zona de estancia con sol e sombra para usuarios/as de diferentes idades, unha franxa arborada e pavimentada para a práctica do baile ou slalom, e unha skate-praza pensada para o público adolescente e non tanto que vén reclamando este tipo de equipamentos, vinculados aos espazos multimedia e de cómic existentes no interior do edificio. Na imaxe superior podedes ver unha recreación.

Outros asuntos

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron vaos, licenzas urbanísticas e outras propostas, como a subvención anual á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, por importe de 25.000 euros; a solicitude de sete cursos do programa AFD da Xunta; o convenio anual coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, e outro co CEIP Xesús San Luís Romero para a utilización do pavillón deportivo fóra do horario lectivo.

Compartir: