Inicio Carballo ao día Novas As obras da rúa Montevideo...

As obras da rúa Montevideo permitirán renovar as canalizacións de todos os servizos e mellorar a accesibilidade

Durante a execución das obras tamén estará pechado o aparcamento situado entre as rúas Enrique Sánchez, Baixa e avenida Ponte da Pedra por necesidades de almacenamento de material

Mércores 14 de marzo do 2018

Esta semana, entre temporal e temporal, arrancaron as obras de reurbanización da rúa Montevideo, unha vía singular situada no barrio da Braña que se atopaba nun importante estado de deterioro tanto no que respecta á superficie como aos servizos básicos de subministro. Por iso, a actuación ten un dobre obxectivo: renovar ou instalar todas as canalizacións e mellorar a accesibilidade.

Durante os tres meses que se prevé que dure a obra, a vía estará cortada ao tráfico agás para residentes e usuarios/as de garaxes, que accederán ben pola rúa Alfredo Brañas –coma nestes momentos- ou ben por Emilia Pardo Bazán, en función do desenvolvemento dos traballos. Tamén está pechado o aparcamento situado entre as rúas Enrique Sánchez, Baixa e avenida Ponte da Pedra, xa que, por proximidade e dispoñibilidade, permite atender as necesidades de almacenamento de material e maquinaria por parte da empresa adxudicataria, Construcciones López Cao.

Ata agora, a rúa Montevideo contaba cun colector unitario para as augas pluviais e residuais, con pozos de rexistro nun estado deficiente; rede de abastecemento de auga de fibrocemento, cobertura parcial de telecomunicacións, cableado aéreo e luminarias nas fachadas, e rede de baixa tensión nunha marxe e incompleta. Todas estas deficiencias quedarán solucionadas, xa que o proxecto prevé unha rede separativa de pluviais e residuais, así como as acometidas aos edificios; a substitución da rede de auga de fibrocemento; a ampliación das redes de telecomunicacións, electricidade e alumeado público ás dúas marxes e a toda a rúa. A iluminación realizarase mediante catro báculos coas súas respectivas luminarias.

O investimento acada os 123.904 euros, financiados con cargo ao plan POS+. Ademais de mellorar os servizos, a rúa Montevideo tamén gañará en accesibilidade grazas a un acabado moi semellante ao das rúas Ponte ou Xúpiter. Será de plataforma única e contará con beirarrúas de 1,8 metros, zona de aparcamento e carril de circulación de pavimento continuo de formigón con sentido de circulación única. Tamén se inclúen pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical. O proxecto afecta tamén ao tramo de beirarrúa da rúa Alfredo Brañas comprendido entre a Montevideo e a Vázquez de Parga, actualmente moi deteriorado.

Dende o Concello de Carballo pedimos desculpas polas molestias que estas obras poidan ocasionar entre a veciñanza agradecendo de antemán a colaboración de todos/as.

Compartir: