Inicio Carballo ao día Novas Todos os colexios do noso concello participaron...

Todos os colexios do noso concello participaron na campaña divulgativa sobre a avespa velutina

O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos asistiron hoxe ás últimas sesións didácticas, que se celebraron no centro Aspaber

Martes 13 de marzo do 2018

Todos os centros escolares do noso concello participaron na campaña divulgativa sobre a avespa velutina promovida desde as concellarías de Obras e Servizos, Medio Ambiente e Educación, coa colaboración da empresa de control de pragas e os apicultores locais. De cara á campaña de trampeo que empeza agora, coincidindo co inicio da primavera, contamos, polo tanto, cun inmenso grupo de voluntariado formado por centos de nenos e nenas.

Tamén se sumaron a esta iniciativa os/as usuarios/as de Aspaber. Nas instalacións da Brea desenvolvéronse hoxe as tres últimas sesións da campaña divulgativa, e ata alí desprazáronse o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, para coñecer de primeira man o resultado da experiencia. Tanto Isidro Rodríguez, da empresa Plaguiber, como o apicultor José Antonio Pereira, que o acompañou nas charlas, destacaron a boa acollida da iniciativa por parte da poboación escolar e o enorme interese que amosaron.

Os niños de avespas espertaron moita expectación en todos os centros

Os niños de avespas espertaron moita expectación en todos os centros

A campaña desenvolveuse durante os meses de xaneiro e febreiro, coincidindo coa época de inactividade da avespa asiática. Pero chegou o momento de poñer en marcha outra campaña, a de trampeo, co obxectivo de atrapar agora o maior número de raíñas e evitar a propagación da praga. Empeza, polo tanto, unha época crucial na loita contra esta especie invasora na que vai ser moi importante a colocación das 400 trampas que ten dispoñibles o Concello de Carballo, pero tamén todas as que poida achegar a cidadanía.

Por iso, unha parte moi importante da campaña escolar consistiu en ensinar aos nenos e nenas a preparar as súas propias trampas. Só fai falla unha botella de plástico e un líquido atraínte, que pode ser calquera líquido doce (zume, auga con azucre...). É importante colocar as trampas preto de plantas coma camelias ou rododendros, e tamén das árbores de froita. De feito, a produción de froita está a sufrir, xunto coa poboación de abellas e de mel, as peores consecuencias da invasión de velutina.

O ano pasado retiráronse no noso concello un total de 647 niños de avespa asiática, que supuxeron, ademais do custe medioambiental, un gasto económico superior aos 35.000 euros. Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, agradeceron a colaboración dos/as apicultores e reiteraron o compromiso do Concello de Carballo de seguir loitando contra esta praga e contribuíndo á sensibilización da poboación sobre este problema empezando desde a infancia.

Compartir: