Inicio Carballo ao día Novas 13 dos 15 alumnos que participaron no de metal...

13 dos 15 alumnos que participaron no de metal organizado directamente polo Concello lograron a inserción laboral

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión dúas subvencións do programa Carballo Activa pola contratación de tres traballadores

Venres 16 de febreiro do 2018

O curso de metal organizado o ano pasado polo Concello de Carballo acadou unha inserción laboral do 86%. Trece dos quince alumnos que se formaron en soldadura con chapa fina, tubos redondos e cadrados con TIG e MIG/MAG están traballando en empresas do sector, tres deles con contratos indefinidos. Esta mesma semana, a Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de subvencións do programa Carballo Activa a dúas empresas pola contratación de tres alumnos desa acción formativa.

As subvencións Carballo Activa están vixentes desde o ano 1999, e consisten nunha liña de apoio directo ás empresas que contraten a alumnos formados daquela o Centro Municipal de Formación, reconvertido hoxe no Fórum Carballo. As contías oscilan entre os 300 e os 1.875 euros en función da duración do contrato, e ademais prímanse as contratacións de mulleres dadas as dificultades engadidas que teñen para incorporarse ao mercado laboral.

O Concello de Carballo apostou o ano pasado pola formación propia e de calidade para impulsar a empregabilidade, ou tamén a mellora das condicións laborais, dos traballadores dun sector con tan boas perspectivas de futuro coma o metal. De feito, montadores e soldadores ou oxicortadores figuran no Servizo Público de Emprego de Galicia como dúas das profesións cunha “ocupabilidade laboral moi alta”, e o volume de ofertas que recibe a Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo confírmao.

O curso, organizado pola Concellería de Promoción Económica, dentro da oferta formativa propia do Fórum Carballo foi deseñado en función das necesidades do sector e contou co aval das principais empresas do metal na provincia. Dado o éxito da iniciativa, desde o Concello de Carballo pretendemos seguir traballando nesa liña.

Ligazóns

Compartir: