Inicio Carballo ao día Novas Aberto o período de consultas do documento...

Aberto o período de consultas do documento inicial estratéxico e do borrador do Plan especial de Arnados

Tanto as Administracións públicas afectadas coma as persoas interesadas dispoñen de dous meses, ata o 16 de abril, para formular observacións e suxestións

Venres 16 de febreiro do 2018

Desde hoxe, e durante un prazo de dous meses, está aberto o período de consultas do documento inicial estratéxico e do borrador do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Razo-Arnados, un paso previo á elaboración do documento de alcance do estudo ambiental estratéxico. Toda a documentación está dispoñible aquí: https://goo.gl/wDf5dH.

Tanto as Administracións públicas afectadas coma as persoas interesadas teñen ata o 16 de abril para facer as súas observacións e suxestións a través das seguintes canles:

  • A través do formulario informático habilitado na sede electrónica deste órgano ambiental (http://www.cmaot.xunta.gal/programas-con-periodo-de-consulta-aberto).
  • A través do correo electrónico: avaliacion.ambiental.estratexica@xunta.gal.
  • Mediante fax remitido ao número 981 541 048. 
  • Mediante escrito presentado no rexistro administrativo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, situado en San Lázaro s/n, en Santiago de Compostela.

O Plan Especial 2 Razo-Arnados delimítase no Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo aprobado definitivamente por Orde do 4 de febreiro de 2016 da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. O ámbito delimitado polo PXOM comprende unha superficie de 312.811 m², que se corresponde cos terreos de solo rústico de protección de costas, de espazos naturais, de augas, paisaxísticos e agropecuarios adxacentes aos núcleos rurais de Arnados e Razo da Costa.

Obxectivos do plan

O campo de fútbol non está incluído no ámbito do plan especial, pero o documento preverá un posible emprazamento alternativo

O campo de fútbol non está incluído no ámbito do plan especial, pero o documento preverá un posible emprazamento alternativo

O plan ten dous obxectos fundamentais. Por unha banda, preservar o medio ambiente, o litoral costeiro e os espazos naturais, freando os procesos de ocupación asistemática, racionalizando os usos do solo, realizando operacións de mellora ambiental e paisaxística do espazo público, mellorando a fachada marítima e planificando accións de recuperación medioambiental e paisaxística, recuperación e protección das zonas degradadas e os areais e os accesos aos mesmos; por outra, establecer e ordenar as infraestruturas e implantación dos usos dotacionais, prevendo as redes de servizos suficientes e ordenando de forma integral as áreas susceptibles de acoller dotacións (espazos libres, equipamentos deportivos, accesos á praia, aparcadoiros,…)

Nese sentido, tamén figuran determinacións moi concretas:

  • Realizar un estudo da demanda de aparcadoiro dos areais, co obxectivo de que as dotacións propostas teñan en conta esta previsión.
  • As dotacións localizaranse na banda delimitada polas liñas de 100 a 200 metros desde o litoral, deixando a banda de 100 metros ata o dominio público marítimo-terrestre vacante de edificacións de carácter permanente.
  • Eliminarase o tráfico rodado da vía paralela ao borde do areal deixando unicamente o acceso restrinxido no borde costeiro, solucionado as circulacións peonís e rodadas.
  • O equipamento deportivo deberá resituarse fóra do dominio público marítimo-terrestre e da servidume de protección.
  • Estudarase o espazo público que conforma a fachada marítima do núcleo de Arnados.

Participación veciñal

Na xuntanza celebrada en Razo participaron unhas 70 persoas

Na xuntanza celebrada en Razo participaron unhas 70 persoas

A participación pública é unha parte moi importante dentro do proceso de elaboración do plan especial. Neste sentido, nos documentos que están agora en período de consultas figuran as accións participativa desenvolvidas na primeira fase, entre elas a xuntanza celebrada en Razo, cunha participación dunhas 70 persoas, a creación dun blog e unha enquisa que pode descargarse a través da web municipal. Polo momento contestaron 12 persoas, que consideran como os cinco principais problemas existentes a velocidade inadecuada dos vehículos, a situación das beirarrúas e o alumeado, as edificacións sen licenza e o feísmo, o exceso de vehículos no ámbito e a carencia dunha rede municipal de auga potable. En canto aos aspectos positivos destacan o potencial turístico, o valor ambiental ou a proximidade a Carballo.

En función de toda a documentación recompilada ata o momento, dos traballos de campo, das xuntanzas cos organismos implicados e das opinións da veciñanza, o equipo redactor presenta dúas posibles alternativas de intervención nese ámbito que deben ser obxecto da necesaria avaliación ambiental estratéxica.

Ligazóns

Compartir: