Inicio Carballo ao día Novas O parque de vehículos do municipio de...

O parque de vehículos do municipio de Carballo incrementouse en 899 unidades en só cinco anos

O Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, que leva vinte anos sen modificacións, é dos máis baixos de Galicia

Xoves 15 de febreiro do 2018

O parque móbil do noso concello esta integrado por 23.824 vehículos

O parque móbil do noso concello esta integrado por 23.824 vehículos

Entre os anos 2012 e 2016 o parque de vehículos do noso concello pasou de 22.925 a 23.824, o que significa que hai 899 unidades máis. Esta cifra vai en aumento, porque, aínda que os datos do 2017 non estarán pechados ata o mes que vén, o padrón seguiu aumentando ao longo do ano pasado. En Carballo hai cada vez máis vehículos, e todo indica que unha das causas estaría nas carencias do servizo público de transporte, xa que, mentres na totalidade dos concellos da área metropolitana aumenta o parque automobilístico, na cidade da Coruña vai a menos, segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico.

Case o 70% do parque móbil de Carballo está integrado por turismos, que xa superan os 16.000. En segundo lugar figuran os camións e furgonetas, que no período de referencia supuxeron entre 2.500 e 2.600 unidades, o que tamén reflicte o peso das empresas de transporte. Entre tractores agrícolas e cabezas tractoras suman máis de 1.000 unidades, e xa por debaixo desta cifra están os remolques, ciclomotores e motocicletas. Os autobuses non chegan a 50. No noso concello están empadroadas 26.507 persoas maiores de 18 anos, o que supón que hai menos dun vehículo por habitante.

En marzo publicarase o padrón do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) correspondente a este ano. Carballo é un dos concellos galegos onde resulta máis barato ter coche. O/a propietario/a dun turismo de 12 a 15,99 cabalos fiscais, por exemplo, paga no noso concello 79,14 euros ao ano, fronte aos 110,25 de Arteixo, os 93,52 de Ames, os 132,10 de Narón ou os 86,33 de A Laracha ou Malpica. O Concello de Carballo aplica o mínimo coeficiente legal permitido (1,1), e ademais leva sen modificar as tarifas desde o ano 1997.

Así mesmo, a ordenanza fiscal que regula este imposto establece bonificacións do 100% da cota para os vehículos históricos ou cunha antigüidade mínima de 25 anos e do 75% para aqueles que utilicen motores alimentados por hidróxeno, auga ou electricidade (non se inclúen os híbridos), en ámbolos dous casos previa solicitude por parte da persoa titular.

Compartir: