Inicio Carballo ao día Novas Asinados dous contratos por 230.000 euros para...

Asinados dous contratos por 230.000 euros para seguir avanzando na mellora dos servizos urbanos e da accesibilidade

A reurbanización da rúa Montevideo e a eliminación de barreiras nas rutas do pedibús dos colexios Bergantiños e Fogar serán unha realidade nos vindeiros meses

Venres 9 de febreiro do 2018

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe coa empresa Construcciones López Cao dous contratos, por un importe total de 230.142 euros, que permitirán seguir avanzando na mellora dos servizos urbanos e da accesibilidade. 

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na rúa Montevideo

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na rúa Montevideo

Por unha banda levaranse a cabo obras de mellora e acondicionamento da rúa Montevideo por un importe de 123.904 euros. O proxecto, incluído no POS + 2017, ten un prazo de execución de catro meses a partir do día seguinte ao da firma da acta de comprobación de replanteo.

Nestes momentos a rúa Montevideo ten beirarrúas en ámbalas marxes de 1,25 metros de ancho, un carril de circulación de 6,5 metros, e conta ademais cuns servizos deficientes, xa que non hai rede separativa de augas pluviais e residuais, a de telecomunicacións e a eléctrica son parciais e hai varias luminarias con cableado aéreo. Coa actuación proposta instalaranse, renovaranse ou completaranse todos os servizos, eliminando as antigas tubaxes de fibrocemento, e ademais modificarase o acabado da rúa, que será de plataforma única e contará con beirarrúas de 1,8 metros, zona de aparcamento e carril de circulación de pavimento continuo de formigón con sentido de circulación única. Tamén se inclúen pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical, así como novas luminarias. O proxecto afecta tamén ao tramo de beirarrúa da rúa Alfredo Brañas comprendido entre a Montevideo e a Vázquez de Parga, que tamén está deteriorada. 

Catro meses é, así mesmo, o prazo de execución do proxecto de rutas sen barreiras nos itinerarios peonís escolares. Neste caso, o investimento de 106.238 euros, financiado con cargo ao PAI Adicional, permitirá mellorar a accesibilidade ao longo das rutas do pedibús dos colexios Bergantiños e Fogar. No primeiro caso as obras realizaranse nas rúas Fábrica, Nicaragua, Costa Rica, Brasil, Cuba, Ponte da Pedra e Eduardo Pondal; mentres que no segundo afectarán ás rúas Alfredo Brañas, Vila de Corcubión, Reus, Vázquez de Parga e Gran Vía. Serán unha trintena de pequenas actuacións en cruces, vaos e pasos de peóns grazas ás cales as rutas escolares gañarán en comodidade e seguridade.

Compartir: