Inicio Carballo ao día Novas Se queres saber máis sobre as especies...

Se queres saber máis sobre as especies exóticas invasoras visita a exposición que temos aberta no Fórum

“Unha invasión silenciosa. A biodeversidade baixo ameaza” recolle en 13 paneis diferentes aspectos relacionados con esta problemática

Xoves 8 de febreiro do 2018

Que son as especies invasoras? Cal é a súa orixe? Que implica unha bioinvasión? Se algunha vez te fixeches preguntas coma estas, estes días tes ao teu alcance todas as respostas, e moitas máis, na exposición “Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza”, que podes visitar no horario de apertura do Fórum Carballo.

O concelleiro Marcos Trigo foi un dos primeiros visitantes da exposición

O concelleiro Marcos Trigo foi un dos primeiros visitantes da exposición

A mostra, situada xunto ao auditorio, é unha iniciativa da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e, neste caso, tamén da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Carballo. Trátase dunha exposición que recolle en 13 paneis diferentes aspectos relacionados coa problemática das especies invasoras, e que amosa, por exemplo, cales son os principais ecosistemas afectados, as especies máis comúns ou que podemos facer para atallar este problema.

Na nosa contorna temos exemplos de especies invasoras que están a causar importantes estragos, como é o caso da avespa velutina, que ten incidencia en todas as nosas parroquias, ou a unlla de gato, no espazo natural de Razo-Baldaio. De feito, “a introdución de especies invasoras é na actualidade un dos principais factores de ameaza para a biodiversidade a nivel planetario”, sinalan desde Adega.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza ten realizado nos últimos anos numerosas actuacións de divulgación sobre esta problemática, así como numerosas actuacións de eliminación de flora exótica invasora en diferentes espazos naturais galegos e tamén do noso concello. Nesta ocasión, ademais dos paneis informativos, a iniciativa inclúe un obradoiro que se desenvolverá no Horto infantil ecolóxico municipal, que será outro dos emprazamentos da exposición nas vindeiras semanas.

Compartir: