Inicio Carballo ao día Novas Lolo Andrade, un dos principais expertos en...

Lolo Andrade, un dos principais expertos en velutina, uniuse hoxe á campaña escolar sobre a avespa asiática

Os centros ou entidades que teñan interese en participar na campaña informativa promovida desde o Concello de Carballo poden facer as súas solicitudes

Martes 6 de febreiro do 2018

O alumnado de 1º e 2 da ESO, nunha das charlas que se impartiu hoxe

O alumnado de 1º e 2 da ESO, nunha das charlas que se impartiu hoxe

Hoxe o alumnado de primeiro e segundo da ESO do colexio Artai recibiu a visita de Lolo Andrade, técnico de protección civil na loita contra a avespa velutina e un dos principais expertos nesta especie invasora. A campaña informativa organizada polo Concello de Carballo chegou entre onte e hoxe a boa parte do alumnado, pero nesta xornada, ademais das explicacións de Isidro Rodríguez, encargado do servizo municipal de control de pragas, ou do apicultor José Antonio Pereira, que está colaborando nesta iniciativa, aprenderon como protexerse ante un ataque de avespas e coñeceron curiosidades como distintas formas de cociñar avespas en países asiáticos.

O obxectivo da campaña escolar sobre a avespa asiática é achegar aos nenos e nenas a maior información posible, e adaptada ás idades de cada grupo, sobre un insecto que está a causar importantes estragos tanto nas poboación de abellas e avespas autóctonas coma na produción de mel e de froita.

Lolo Andrade explicou moi graficamente como protexer a médula espiñal

Lolo Andrade explicou moi graficamente como protexer a médula espiñal

A iniciativa desenvólvese nestas datas porque son as de menor actividade da velutina (en xaneiro só se retiraron 13 niños e 8 deles carecían de actividade), pero tamén porque en marzo o Concello de Carballo, a través do servizo municipal de control de pragas e en colaboración cos apicultores locais, desenvolverá unha intensa campaña de trampeo coa finalidade de reducir a presenza de avespas. Por iso, unha das cousas que se lles ensina aos rapaces e rapazas é como construír unha trampa caseira, para o cal só fai falla unha botella de plástico e un líquido doce.

A ruta dos “cazadores de avespas” continuará o día 15 no CEIP Gándara-Sofán, o 19 no Nétoma-Razo, o 20 en Aspaber e os días 26, 27 e 28 no CEIP Bergantiños. Os centros ou entidades interesados/as non teñen máis que poñerse en contacto co servizo de medio ambiente do Concello de Carballo chamando ao 981704100.

Compartir: