Inicio Carballo ao día Novas A Mesa Local de Comercio aproba o calendario...

A Mesa Local de Comercio aproba o calendario anual de actividades do CCA e da Asociación da Milagrosa

A primeira proposta deste ano, despois das rebaixas de inverno, será a Feira das Oportunidades dos días 10 e 11 de marzo

Martes 6 de febreiro do 2018

A Mesa Local de Comercio reuniuse hoxe na Casa do Concello

A Mesa Local de Comercio reuniuse hoxe na Casa do Concello

A Mesa Local de Comercio celebrou hoxe a súa primeira xuntanza deste ano co obxectivo, precisamente, de aprobar o calendario de actividades que se van desenvolver por parte das entidades comerciais ao longo do 2018.

Despois das rebaixas de inverno, que aínda están vixentes, a próxima iniciativa será a Feira das Oportunidades que organiza o Centro Comercial Aberto (CCA) para os días 10 e 11 de marzo, e que, dada a súa proximidade, foi obxecto dun punto específico. Así, a xerente do CCA, Carmen Freire Areosa, informou de que nestes intres está aberto o prazo de inscrición de comercios, que, como é habitual, prevese que sexan na súa totalidade de Carballo, e avanzou que a feira volverá a celebrarse na zona do Rego da Balsa, nunha carpa.

A proposta da Feira das Oportunidades foi aprobada por unanimidade, ao igual que o resto do calendario do CCA, que inclúe, entre outras iniciativas, a campaña Volta ao Cole, o cásting e o desfile de moda, ExpoVoda ou a campaña de Nadal. Tamén houbo apoio unánime para a proposta da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros/as e Profesionais do Barrio da Milagrosa, que estivo representada por Jesús Casal Silveira.

Neste 2018, a Asociación da Milagrosa manterá citas como o mercado medieval, as campañas Fuxida de Escaparates e Todo un barrio para ti, ou actividades como a carreira de obstáculos que se levou a cabo o ano pasado por primeira vez coincidindo coas festas do barrio. Ademais, este ano están a traballar nunha nova proposta de cara ao Nadal.

A Mesa Local de Comercio estivo presidida polo concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Ademais dos representantes das dúas entidades comerciais do concello, tamén participaron Milagros Lantes, en representación do BNG; Cristian Puente, do PP; Francisco Xosé Chas, da Xunta de Galicia, e Yolanda Pérez, da Unión de Consumidores/as de Galicia. A próxima xuntanza celebrarase en outubro para aprobar definitivamente as actividades de maior entidade que se desenvolverán a finais de ano, como ExpoVoda ou o Mercado de Nadal da Milagrosa.

Compartir: