Inicio Carballo ao día Novas A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio...

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar atendeu o ano pasado a 115 familias da comarca de Bergantiños

O 63% das familias usuarias da UDIAF son do municipio de Carballo

Domingo 4 de febreiro do 2018

O equipo da UDIAF e o vicepresidente da Asociación Galega de Atención Temperá

O equipo da UDIAF e o vicepresidente da Asociación Galega de Atención Temperá

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños atendeu ao longo do ano 2017 a 115 familias na súa sede, cedida polo Concello de Carballo no edificio do antigo ambulatorio. O vicepresidente da Asociación Galega de Atención Temperá, Jaime Ponte, e o equipo da UDIAF, presentaron o balance correspondente ao ano pasado.

Desde finais do ano 2014, a unidade de atención temperá presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento a nenos/as de 0 a 6 anos, segundo regula o Decreto 183/2013 polo que se crea a rede galega de atención temperá. Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais que atenden aos nenos e nenas desde outros servizos.

A tipoloxía das dificultades atendidas abrangue todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: problemas evolutivos, afectivo-emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos. En total, no ano 2017 atendéronse 115 familias, realizáronse 2.315 prestacións de apoio personalizado e 292 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos, segundo informaron desde o servizo.

Segundo os resultados correspondentes ao ano 2017, a maior parte das familias atendidas (63%) son do noso concello, un 16% residen en Ponteceso, 6% en Laracha, 5% en Coristanco, 4% en Malpica, 3% en Cabana, e 2% en Laxe; cifras normalmente correlativas á poboación dos distintos concellos. Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo é moi elevado, cunha puntuación global de 4,78 sobre un máximo de 5.

A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coas UDIAF do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado pola Consellería de Política Social. Na actualidade a unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de 1 psicóloga, 1 psicomotricista, 1 logopeda e 1 administrativo.

Trátase dun servizo público e totalmente gratuíto para as familias da comarca de Bergantiños. O contacto pode realizar a través da propia sede na Avenida Ambulatorio Nº 39 en Carballo, no correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881946410.

Descargas

Compartir: