Inicio Carballo ao día Novas Este ano acometeremos varias obras que...

O CONCELLO PIDE DESCULPAS POLOS CORTES DE SUBMINISTRO

Este ano acometeremos varias obras que permitirán paliar os problemas da rede de auga de fibrocemento

Aínda que só un 19% das tubaxes que se utilizan para o abastecemento no casco urbano son de fibrocemento, están presentes en todos os barrios

Venres 2 de febreiro do 2018

Na avenida das Flores está previsto restablecer o servizo hoxe pola tarde

Na avenida das Flores está previsto restablecer o servizo hoxe pola tarde

O Concello de Carballo acometerá neste 2018 varias obras que permitirán ir reducindo a presenza de tubaxes de fibrocemento no casco urbano e, en consecuencia, as roturas como as que estamos a sufrir nos últimos días en distintos puntos da vila. Nesa liña levamos traballando varios anos, incorporando en todas as obras que se executan na rede viaria novas canalizacións para modernizar todos os servizos soterrados, entre eles o de auga. De feito, en só tres anos reducimos de 35 a 33 os quilómetros de rede de fibrocemento existente no casco urbano, polo que nestes momentos representa só un 19% dos 171,3 quilómetros totais da traída de auga.

Malia ser minoría, o feito de que as vellas tubaxes de fibrocemento estean presentes en todos os barrios provoca que as roturas afecten, como está a ocorrer estes días, a distintos puntos: rúas Cervantes, Vázquez de Parga ou Rosas, por exemplo. Nesta última rúa, unha das máis afectadas, o servizo quedou restablecido ás 10.30 horas de hoxe, pero o problema trasladouse uns metros máis arriba, á avenida das Flores, onde a avaría quedará resolta esta tarde. Tamén se traballa na rúa Barcelona, outra das afectadas, mentres que en Camelias e Gardenias, onde se produciron roturas a madrugada pasada, a empresa concesionaria do servizo, Gestagua, rematou xa pola mañá.

Pedimos desculpas a todas as persoas afectadas e lembrámosvos que ante calquera anomalía no servizo están á vosa disposición os teléfonos 900907363 e 619050470

Todo o persoal está mobilizado para atender as necesidades, e, de feito, as quendas de traballo abranguen as 24 horas do día. Desde a Concellaría de Obras e Servizos estamos en permanente contacto coa empresa para coñecer a situación en cada momento. Conscientes dos contratempos que está a padecer a veciñanza tratamos de axilizar as solucións o máximo posible e actuar para evitar que os problemas se repitan no futuro. Nesa liña enmárcanse, por exemplo, os proxectos da rúa Barcelona, incluída nos orzamentos do Concello de Carballo para este ano, ou da segunda fase da avenida das Flores, que a Deputación da Coruña tamén acometerá este ano, ou as melloras urxentes na rede de auga que xa temos pendente unicamente da sinatura do contrato coa empresa adxudicataria. Con estas actuacións abordaranse os dous problemas da rede antiga, nos dous primeiros casos, coa substitución do fibrocemento por materiais modernos que evitan este tipo de problemas (por poñer un exemplo, as novas tubaxes soportan ata 16 quilos de presión, mentres que o fibrocemento aguanta 6 nas mellores condicións), e no terceiro coa instalación de válvulas reguladoras en varios puntos.

Segundo os técnicos de Gestagua, as últimas roturas poderían ser consecuencia dunha bolsa de aire que cos novos sistemas non se producirían. Por iso, desde o goberno municipal estase a traballar para ir, progresivamente, e na medida das posibilidades orzamentarias e legais, substituíndo toda a rede antiga do casco urbano.

Compartir: