Inicio Carballo ao día Novas Atréveste a dicir qrtm8? Desde a...

Atréveste a dicir qrtm8? Desde a Candeloria ata o Día d@s Namorad@s comparte o teu amor en Instagram

O Servizo de Normalización Lingüística achega aos centros de secundaria unha proposta que, entre outras cousas, promove o uso do galego nas redes sociais

Venres 2 de febreiro do 2018 Lingua

Disque “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. Por iso, o 2 de febreiro, día da Candeloria, é o día en que casan os paxariños, o día do amor, en antigos costumes. E como polo San Valentín, o 14 de febreiro, celebramos o Día d@s Namorad@s, desde o Servizo de Normalización Lingüística propóñennos unha iniciativa ben chula para que, entre esas dúas datas, os mozos e mozas visibilicen o amor. Pode ser o amor á parella, a unha amizade ou a alguén da familia, pero tamén podes expresar o teu amor á terra, á lingua, ao deporte, á música ou a Carballo.

E como podes facelo? É moi sinxelo. Só tes que facer unha foto no que expreses o teu amor, subila a Instagram acompañada cunha frase en galego expresiva, orixinal e suxestiva do que queres expresar, utilizar as etiquetas #qrtm8 e #Carballo e etiquetar a @TurismoCarballo. Doado, non?

Como as normas de Instagram obrigan a ter cumpridos os 14 anos, a actividade vai dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato dos institutos Alfredo Brañas, Parga Pondal e Monte Neme e ao de 3º e 4º de ESO do colexio Artai. Todos/as estes/as rapaces e rapazas atoparán mañá por sorpresa, enriba dos seus pupitres, un folleto que leva no seu exterior a lenda “Non podo resistirme. Téñocho que dicir...”, e que ao abrilo descubriralles o contido da campaña qrtm8, que é unha forma de abreviar a frase quérote moito. Ah! E non esquezas que, sexa onde sexa a foto, ten que identificarse que é en Carballo.

Participar neste xogo do amor, ademais, ten premio. Todas as persoas que participen poderán pasar pola Biblioteca Rego da Balsa a recoller como agasallo un caderno coa imaxe do mural I missed you (o do bico), de Natalia Rak. Ademais, a foto que acade máis gústame ata o 15 de febreiro ás 11.00 horas e tamén aquela outra que a organización considere máis destacada levarán como premio os últimos discos de Ses, MJ Pérez e Chicharrón e máis unha torre de son moi ben equipada para escoitalos.

Descargas

Compartir: