Inicio Carballo ao día Novas O goberno municipal expresa o seu apoio ás...

O goberno municipal expresa o seu apoio ás reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública

Representantes do colectivo foron recibidos hoxe polo alcalde

Xoves 1 de febreiro do 2018

Representantes da plataforma e do goberno reuníronse na Alcaldía

Representantes da plataforma e do goberno reuníronse na Alcaldía

Representantes da plataforma SOS Sanidade Pública estiveron hoxe no Concello de Carballo para solicitar o apoio do goberno municipal á manifestación que se vai celebrar este domingo 4 en Santiago de Compostela, e na cal, segundo explicaron, participarán “as organizacións, grupos e persoas que defendemos a sanidade pública”. O alcalde, Evencio Ferrero, que recibiu aos voceiros da plataforma acompañado por Milagros Lantes e Marcos Trigo, amosou a súa preocupación pola situación da sanidade a nivel galego e tamén en Carballo, onde “segue habendo problemas como a falta de pediatras ou de especialidades e a saturación do centro de saúde”, de xeito que “remamos na mesma dirección”, engadiu.

Manel Méndez, Demetrio Vázquez e Juan Evaristo Rodríguez, representantes de tres dos colectivos integrados na plataforma, consideran que coa reforma da lei de saúde de Galicia o goberno autonómico pretende “facilitar que a sanidade se converta nun negocio”, e que o proceso de deterioro do servizo público que se está a producir ten como finalidade “potenciar o privado”.

A plataforma SOS Sanidade Pública quere transmitir que non nos atopamos ante un problema dos profesionais da sanidade, senón que é “un problema da cidadanía”, e que o obxectivo das mobilizacións que se están levando a cabo é “ter un servizo de saúde propio e con garantías de universalidade”. Fronte a esta demanda, expoñen que a Xunta non fai política sanitaria, “senón que só fan anuncios para desmobilizar, pero a partir do día 4 non se fará nada”. 

Compartir: