Inicio Carballo ao día Novas Os Consellos Parroquiais inician o seu segundo...

Os Consellos Parroquiais inician o seu segundo ano de actividade con moitos proxectos en marcha

Entre febreiro e maio volverán a reunirse os 17 consellos para seguir avanzando no proceso de participación veciñal

Mércores 31 de xaneiro do 2018

O último consello parroquial do ano 2017 celebrouse en Rus

O último consello parroquial do ano 2017 celebrouse en Rus

Despois do proceso de constitución e formación que se desenvolvera meses atrás, hai agora un ano botaron a andar os Consellos Parroquiais coas primeiras xuntanzas abertas a toda a cidadanía. Desde o Concello de Carballo facemos unha valoración moi positiva da posta en marcha deste novidoso sistema de participación veciñal, que permitiu detectar as principais necesidades e demandas da poboación das 17 parroquias rurais e articular as medidas para darlles solución. Este segundo ano de actividade, de feito, comeza con moitos proxectos en marcha.

Aínda que cada parroquia ten as súas particularidades, os Consellos Parroquiais permitiron detectar inquedanzas comúns, sobre todo en materia de infraestruturas. A principal demanda, a mellora da rede viaria, foi tomando forma co plan integral de asfaltado de todas as vías secundarias municipais, que se completará nos vindeiros meses, e neste ano 2018 daremos un novo paso con outros dous plans que nos permitirán ir cubrindo as necesidades do territorio en canto a accesos a vivendas, que se acondicionarán na súa totalidade cun orzamento de 450.000 euros; aglomerado de vías estruturantes, que comezaremos por Aldemunde e Lema, Noicela e Rebordelos, xa en contratación, e continuaremos coas estradas de Mirón-DC1902, Bolón-A Gándara (Sofán), A Ponte de Bértoa-O Moucho de Berdillo e A Vixía-Lema, con consignación orzamentaria para este ano, e pavimentación con cemento de núcleos singulares, como a que imos facer no Rodo (Oza).

Do mesmo xeito, con cargo aos orzamentos deste ano acometeranse outras moitas propostas emanadas dos Consellos Parroquiais, como a reposición de puntos de luz, a eliminación do tendido eléctrico na contorna da igrexa de Rus, a mellora do espazo do lavadoiro de Entrecruces, o acondicionamento do centro social de Lema ou a construción dun novo centro social en Bértoa, entre outras.

Próximas xuntanzas

Para mañá, 1 de febreiro, ás 20.30 horas, está convocado de novo o Consello Parroquial de Ardaña, e o venres 2 reunirase o de Cances. Serán os primeiros dos 17 que se celebrarán de aquí a maio, nalgúns casos supeditados ao estado de execución das obras de reforma que se están a facer, precisamente, en varios locais sociais.

Os Consellos Parroquiais funcionan nas 17 parroquias rurais de Carballo, presídeos o alcalde ou a persoa en quen delegue e están integrados por representantes de todos os grupos políticos da corporación municipal e do tecido asociativo de cada parroquia, ademais das persoas a título individual que queiran sumarse. De feito, os Consellos Parroquiais son entes vivos e abertos permanentemente á participación tanto de entidades coma de cidadás e cidadáns a título individual. Unha das características destes órganos de participación veciñal é o seu funcionamento de estilo asembleario, sen cargos. Unicamente se conta cun/ha secretario/a voluntario/a para levantar acta das sesións, pero sen máis atribucións.

Arredor de 300 persoas están participando a través dos Consellos Parroquiais na xestión municipal

Arredor de 300 persoas están participando a través dos Consellos Parroquiais na xestión municipal. Porque do que se trata, en definitiva, é de que a cidadanía teña voz á hora de propoñer directamente as actuacións que considera máis necesarias na súa parroquia, e de que o Concello de Carballo teña en conta esas proposta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos. O fin último sería a elaboración de orzamentos participativos, o cal será posible na medida en que o proceso de participación veciñal, aínda en cueiros, vaia madurando.

As persoas interesadas teñen á súa disposición o enderezo electrónico  consellosparroquiaiscarballo@gmail.com para calquera tipo de información.

Compartir: