Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo delega na Xunta de Galicia...

PLENO ORDINARIO

O Concello de Carballo delega na Xunta de Galicia os procesos selectivos dos axentes da Policía Local

A única proposta aprobada por unanimidade foi unha iniciativa do PSOE para mellorar a visibilidade nos pasos de peóns

Martes 30 de xaneiro do 2018

Imaxe do pleno de onte

Imaxe do pleno de onte

A partir de agora, os procesos selectivos de axentes da Policía Local xa non se realizarán en Carballo, senón na Academia Galega de Seguridade. A corporación municipal aprobou no pleno de onte, coa abstención de Terra Galega, a sinatura dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para que sexa a Administración autonómica a que se encargue da convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos, previa comunicación por parte do Concello, das prazas de policía. Polo momento non se inclúen as de auxiliares nin as de categorías superiores, neste caso porque esa posibilidade tampouco estará aberta por parte da Xunta ata o 2019. En todo caso, segundo explicou a concelleira de Seguridade, Milagros Lantes, o Concello de Carballo poderá solicitar en calquera momento a convocatoria de prazas de novas categorías.

O de onte foi un pleno de moito debate e con moitos rogos e preguntas de todo tipo por parte do PP e TeGa que alongaron a sesión case ata as 23.30 horas. Entre o público atopábanse un grupo de veciños/as de Entrecruces con pancartas de protesta.

Grupo socialista

Grupo socialista

O único punto no que houbo unanimidade foi a moción do PSOE para mellorar a visibilidade nos pasos de peóns, á que se incorporou una emenda do PP para esixir á empresa concesionaria do servizo público de iluminación que implemente as medidas previstas na mellora número 14 da oferta que presentou no seu momento, e que basicamente consiste na instalacións, en determinados pasos, de sistemas de detección da presenza de peóns. O alcalde, Evencio Ferrero, amosouse partidario de adoptar sempre “medidas que contribúan á seguridade viaria”.  Deste xeito, tal como se pide na moción, o Concello de Carballo encargará aos técnicos municipais un estudo para determinar as condicións de visibilidade dos pasos, as medidas a adoptar para corrixir as deficiencias que se detecten e a execución desas medidas. A concelleira socialista María Carme Vila, que defendeu a iniciativa, pediu tamén que tanto a Deputación como a Xunta, titulares de algunhas das vías máis perigosas, “teñan un pouco de ansia en pintalas”.

Outros asuntos

Mesa presidencial

Mesa presidencial

Tamén o PP presentou dúas mocións que non saíron adiante. O goberno municipal posicionouse en contra, tanto das propostas relativas á rúa Severo Ochoa, na que se manterá a dirección única aínda que se repintarán as prazas de aparcamento para habilitar un carril peonil e mellorar así a seguridade, como das relativas ao gasto social. Neste apartado o BNG coincidiu con PSOE e TeGa en que ese tipo de propostas deberían realizarse no debate dos orzamentos, cando se aproban as partidas económicas para cada unha das áreas de acción municipal.

A corporación, por outra banda, aprobou o cadro de persoal do Concello de Carballo (o PP abstívose e TeGa votou en contra), a extensión das bonificacións do ICIO ao IAE e o IBI para favorecer a creación de empresas e de emprego (TeGa abstívose), o pago das facturas pendentes do ano 2017 (abstivéronse TeGa e PSOE), e a sinatura dun convenio, así como o crédito orzamentario correspondente, coa Xunta, o Instituto Xeográfico Nacional e a Fegamp para a obtención de imaxes aéreas de alta resolución xeorreferenciadas (TeGa abstívose).

Compartir: