Inicio Carballo ao día Novas Adxudicada por 89.540 euros a redacción do...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicada por 89.540 euros a redacción do plan de ordenación do núcleo de Pedra do Sal e protección do seu entorno

A empresa Monteoliva Arquitectura SLP disporá de 25 meses de prazo para elaborar o documento

Luns 29 de xaneiro do 2018

Praia de Pedra do Sal

Praia de Pedra do Sal

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza ordinaria de hoxe a proposta de adxudicación dos traballos de redacción do plan de ordenación do núcleo de Pedra do Sal e protección do seu entorno realizada pola mesa de contratación, da que forman parte todos os grupos políticos. A empresa Monteoliva Arquitectura SLP será a encargada de elaborar o documento, cun orzamento de 89.540 euros. A maiores, e sen custe para o Concello de Carballo, a adxudicataria comprométese a achegar ortografía dixital, xeo-referenciada, con bases de replanteo permanente; 10 infografías desde distintos puntos de vista, documentos de xestión urbanística e anteproxecto de urbanización.

O prazo máximo para a redacción do plan especial será de 25 meses, o mesmo que para o que xa se está levando a cabo na zona de Arnados-Razo. A empresa terá dous meses, a partir da sinatura do contrato, para presentar un borrador do plan e documento inicial estratéxico, a partir do cal se desenvolverá o traballo, para o cal terase en conta a participación veciñal. 

Rutas sen barreiras

Na sesión de hoxe tamén foron adxudicadas á empresa Construcciones López Cao SL, por un importe de 106.238 euros, as obras de eliminación de barreiras arquitectónicas nos itinerarios peonís escolares. Esta actuación será financiada con cargo ao PAI (Plan de Aforro e Investimento) da Deputación da Coruña.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde, así mesmo, varias licenzas urbanísticas, entre elas unha para a construción dunha nave destinada a almacén de materiais e ferramentas para a construción no polígono de Bértoa. A parcela na que se situará ten unha superficie de 709 metros cadrados, e a nave constará de 472 metros cadrados nunha soa planta.

Recadación municipal

Tamén se deu conta do resumo de ingresos da recadación municipal a decembro do ano 2017. No período voluntario ingresou 2.129.179,89 euros, e en período executivo, 63.003,18 euros.

A solicitude de subvencións para a contratación de 8 traballadores/as para Protección Civil e 10 para a brigada de medio ambiente e a aprobación de varios programas e actividades culturais, deportivas e de promoción da lingua galega completaron a sesión.

Compartir: