Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Promoción...

O SELO CARBALLO COMPROMISO CALIDADE ESTENDERASE AO SECTOR

A Concellaría de Promoción Económica reforzará no ano 2018 as accións enfocadas á dinamización do comercio local

Os catro establecementos premiados no concurso de escaparates de Nadal e a gañadora da viaxe á Illa de Madeira recolleron hoxe os seus agasallos

Luns 29 de xaneiro do 2018

Ademais de convidalos a seguir participando e a seguir mellorando a imaxe do comercio carballés, o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, animou ás gañadoras e gañadores do concurso de escaparates de Nadal, que hoxe recolleron o seus premios, a implicarse tamén nas próximas iniciativas enfocadas á dinamización do comercio local.

Este ano materializarase, por exemplo, a introdución do selo Carballo Compromiso Calidade no sector comercial, “e iso vai servir para diferenciar os que o facedes moi ben dos que non o fan tan ben, porque está ben que cada vez se avance máis en xeral pero tamén está ben recoñecer aos que avanzades a un ritmo máis rápido ca outros”, manifestou. Ademais, no 2018 reforzaranse as accións enfocadas á dinamización do comercio local con outras accións nas que xa se está a traballar para poñer en práctica ao longo do ano co obxectivo de fortalecer un sector que se enfronta a competidores tan duros como a venda electrónica.

Os representantes de Muebles Luis, Miriñaque, Bambalina e Zocas

Os representantes de Muebles Luis, Miriñaque, Bambalina e Zocas

Na entrega dos premios, que tivo lugar na Casa do Concello, a técnica de Promoción Económica, Paula Lema, agradeceu o esforzo que fixeron os 20 establecementos participantes para darlle visibilidade ao traballo que se desenvolve desde a área municipal e desde o propio sector, representado por Miriñaque, Muebles Luis, Bambalina e Zocas, os catro galardoados nesta edición.

Un sector que, en palabras do alcalde, está a un nivel “moi bo”. Evencio Ferrero manifestou que aspectos como o coidado dos escaparates “falan moi ben do comercio de Carballo” e contribúen non só a reforzar a imaxe dunha determinada marca comercial, senón tamén “da marca Carballo”.  O alcalde está convencido de que fronte ás ameazas que van aparecendo “a mellor forma de implantarse e resistir é poñer en valor e confiar no propio”.

A campaña SemecachaDEScóntovos, que se desenvolveu durante a época de Nadal, non só premiou ao comercio, senón tamén “a quen compra en Carballo”. Ese galardón está representado este ano por Soraya Varela, que tamén asistiu ao acto de hoxe para recoller o seu billete para a Illa de Madeira, á que viaxará xa a principios de marzo para gozar de oito días de vacacións para dúas persoas con estancia e almorzo incluídos.



Galería

Compartir: