Inicio Carballo ao día Novas O goberno municipal propón estender as...

PLENO ORDINARIO DE XANEIRO

O goberno municipal propón estender as bonificacións do ICIO ao IAE e o IBI para favorecer a implantación de empresas

As novas vantaxes fiscais beneficiarán durante os tres primeiros anos de actividade ás empresas de nova creación, que se trasladen ou que amplíen instalacións

Venres 26 de xaneiro do 2018

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, na rolda de prensa de hoxe

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, na rolda de prensa de hoxe

O goberno municipal de Carballo quere aproveitar o tirón do polígono industrial de Bértoa para seguir favorecendo a implantación de empresas e, en consecuencia, a creación de emprego. Con esa finalidade, no pleno ordinario de xaneiro, que se celebrará este luns 29, presentará unha proposta para estender as bonificacións do ICIO que xa están en vigor, e que poden supoñer un aforro de ata o 95%, tamén ao IBI e o IAE.

Polígono industrial de Bértoa

Polígono industrial de Bértoa

As bonificacións concederanse previa solicitude por parte dos interesados, pero os tres impostos están vinculados a unha única solicitude. Desde xeito, ademais de conseguir unha redución de ata o 95% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, as empresas que reúnan os requisitos establecidos estarán exentos durante tres anos de pagar o IBI e o IAE na mesma porcentaxe. “Estas medidas –explicou Evencio Ferrero- afectan tanto a empresas de nova creación como ás que se trasladen para o noso concello ou que amplíen as súas instalacións”.

O alcalde incidiu en que estas medidas tratan de dinamizar, sobre todo, o polígono industrial, “porque entendemos que unha nova empresa en Bértoa non compite coa estrutura local. Non ocorre o mesmo coas grandes superficies comerciais, polo que neste caso poñemos unhas esixencias moito maiores. Por exemplo, para conseguir 4 puntos unha empresa que se instale no polígono ten que facer un investimento de ata 100.000 euros e crear 1 posto de traballo, mentres que para conseguir eses mesmos 4 puntos unha gran superficie tería que investir entre 3 e 6 millóns de euros e crear entre 51 e 125 postos de traballo”.

Outros asuntos

No pleno do luns tamén se procederá á aprobación definitiva do cadro de persoal do Concello de Carballo para este ano. A corporación desestimará a única alegación presentada por considerar “que é criterio da corporación ter a estrutura de persoal que se considere”, engadiu o alcalde.

Tamén se aprobarán as facturas pendentes do ano 2017, que foron rexistradas a partir do día 20, unha vez pechada a contabilidade anual, e que suman 28.536,26 euros, un 0,14% do orzamento.

En materia económica tamén se proporá unha modificación orzamentaria para facer fronte a un gasto de 29.040 euros para participar nun convenio de colaboración co Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, o Instituto Xeográfico Nacional e a Fegamp coa finalidade de obter imaxes aéreas de alta resolución xeorreferenciadas, unha ferramenta moi útil desde o punto de vista da planificación e a xestión urbanística.

Así mesmo, o Concello de Carballo adherirase ao convenio coa Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia para delegar na Administración Autonómica a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos de policías locais. “Entendemos que é unha moi boa medida, tanto por aforro, xa que os aspirantes terán que pagar unha única matrícula, como por transparencia”, sinalou Evencio Ferrero.

Mocións

A última parte do pleno centrarase nas tres mocións presentadas polos partidos da oposición. O PP volve a solicitar o establecemento da dobre dirección na rúa Severo Ochoa e a implantación de medidas de seguridade viaria. O goberno municipal rexeitará o cambio de dirección “por seguridade”, pero comprométese a acometer o repintado das prazas de aparcamento.

Os populares tamén reclaman un incremento das subvencións para as entidades sociais, outra demanda que o goberno municipal está disposto a considerar, aínda que o alcalde lamentou que non presentaran a iniciativa antes da aprobación dos orzamentos. Evencio Ferrero puntualizou, con respecto á parte expositiva da moción, que o Concello de Carballo destina a gasto social máis de 80 euros por habitante, "porque a sanidade, a Unidade Asistencial de Drogodependencias ou as becas, por exemplo, tamén son gasto social".

Por parte do goberno municipal tamén se valorou positivamente a moción presentada polo PSOE relativa á mellora da visibilidade dos pasos de peóns, unha medida, apuntou Evencio Ferrero, na que se xa se está a traballar.

Descargas

Compartir: