Inicio Carballo ao día Novas A cidadanía tamén pode participar...

A cidadanía tamén pode participar na elaboración do Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións de Razo

O equipo redactor está a recoller as achegas dos veciños e veciñas a través do cuestionario que está a disposición dos/as interesados/as na web municipal

Xoves 25 de xaneiro do 2018

O Concello de Carballo quere ter moi en conta as opinións dos veciños e veciñas á hora de elaborar o Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións de Razo. Por iso, a participación cidadá é un aspecto que está a coidar moito, como xa se puxo de manifesto na presentación inicial que tivo lugar en decembro o CEIP Nétoma-Razo. As persoas que queiran participar poden facelo, nesta primeira fase do proceso, a través do cuestionario que está dispoñible nesta mesma web, pinchando no banner superior da portada, ou a través do enderezo https://pe-razo-arnados.blogspot.com.es.

Na enquisa pídense valoracións sobre todos os servizos existentes en Razo, a conservación medioambiental, o tráfico ou o surf, así como achegas sobre as necesidades e propostas de futuro que partan da propia cidadanía. Toda a información recompilada terase en conta, dentro das posibilidades legais, á hora de elaborar o documento inicial. 

O Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións de Razo afecta en exclusiva a solos rústicos, nos que, como explican os técnicos, existen “moitas afeccións” polas distintas normativas estatais, autonómicas e municipais vixentes. De feito, as características especiais do ámbito van ser decisivas á hora de planificar o seu desenvolvemento, que en todo caso limitarase a infraestruturas e dotacións como os accesos á praia, espazos libres, aparcamentos, equipamentos deportivos ou turísticos, de iniciativa pública ou privada, como un cámping ou unha área de caravanas. Decidir que facer e onde, dentro da zona delimitada, é o obxectivo final do plan especial.

No blog creado para o proxecto tamén se pode facer un seguimento resumido das xestións que vai facendo o equipo redactor. Así, por exemplo, no tempo que levan traballando, os técnicos xa se reuniron con organismos e institucións implicadas no desenvolvemento do plan, como a Demarcación de Costas do Estado, o departamento de vías e obras da Deputación da Coruña, as direccións xerais de Patrimonio Natural, Urbanismo e Conservación da Natureza da Xunta, así como a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) ou Costas da Xunta. 

Tamén se ofrece información sobre aspectos concretos, como a situación do campo de fútbol, que foi un dos equipamentos dos que máis se falou por parte da veciñanza na reunión de decembro. Así mesmo, no blog informativo pode consultarse cal é, paso a paso, o proceso de tramitación do plan especial.

Compartir: