Inicio Carballo ao día Novas Carballo súmase ao proxecto...

Carballo súmase ao proxecto Enreguéifate con obradoiros, un concurso e unha xornada formativa

O concelleiro Marcos Trigo participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación da iniciativa

Mércores 24 de xaneiro do 2018 Lingua

A presentación do proxecto tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela

A presentación do proxecto tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela

O proxecto Enreguéifate, que o Concello de Santiago puxo en marcha o ano pasado para difundir a improvisación oral en verso en galego, medra nesta súa segunda edición con novas accións e coa incorporación de tres novos municipios participantes. Así, os concellos de Ames, Carballo e Teo súmanse á organización do proxecto, que tamén estrea páxina web: www.enregueifate.gal.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; o de Cultura de Carballo, Marcos Trigo; e a de Normalización Lingüística de Teo, Pilar Faxil; presentaron hoxe en rolda de prensa o proxecto, xunto con Manolo Maseda, un dos impulsores do festival Regueifesta. O alcalde compostelán incidiu en que o programa Enreguéifate "ten o obxectivo último de promocionar o uso da lingua galega sobre todo entre os máis novos e novas, porque somos conscientes do enorme potencial da regueifa como ferramenta para animar aos mozos e mozas a se expresaren na nosa lingua". Martiño Noriega tamén apuntou que "este elemento do patrimonio inmaterial galego está a vivir unha segunda vida da man de persoas como Alba María ou o propio Manolo Maseda, e queremos aproveitar esa tendencia".

Enreguéifate mantén as dúas actividades xa desenvolvidas o ano pasado: o certame de regueifas en vídeo, que será convocado nas próximas semanas, e o festival Regueifesta que se celebrará o 2 de maio no Auditorio de Galicia, na capital galega. A esas suma dúas accións novas: unha xornada de formación para docentes que terá lugar o 17 de febreiro en Carballo e obradoiros de formación para o alumnado en cada un dos catro concellos participantes.

Xornada de formación en Carballo

O proxecto Enreguéifate incorpora unha xornada formativa para o profesorado, co obxectivo de fomentar e aproveitar o potencial das regueifas como ferramenta educativa. Esta actividade estará organizada polo Concello de Carballo. O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, que participou en representación do Concello de Carballo, explicou que a xornada "pretende contribuír á actualización da nosa tradición, a darlle unha funcionalidade a un elemento do noso patrimonio cultural inmaterial como é a regueifa e actualizala cos valores da igualdade e a xustiza social".

A xornada de formación para o profesorado celebrarase o 17 de febreiro, e a inscrición xa está aberta a través de www.enregueifate.gal. O prazo para anotarse remata o día 8 de febreiro, e o 70% das prazas están reservadas para profesorado en activo, de centros públicos ou concertados. A matrícula é gratuíta, e está solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que a asistencia sexa homologada como actividade de oito horas de formación permanente do profesorado. Nesta xornada intervirán docentes e regueifeiros como Alba María, Manolo Maseda, Séchu Sende, ou os bergantiñáns Antonio de Xornes e Lupe Blanco. Ao remate da xornada formativa haberá tamén unha foliada aberta na taberna O Mexillón de Carballo.

Formación para o alumnado

Ademais, o proxecto Enreguéifate inclúe tamén obradoiros para o alumnado dos centros de ensino dos catro concellos participantes: Santiago, Ames, Carballo e Teo. Nestes obradoiros, os rapaces e as rapazas poderán aprender métodos de improvisación oral e coñecerán tamén a rede de revitalización da regueifa que existe en Galicia entre a xente nova. A concelleira de Normalización Lingüistica de Ames, Isabel Vaquero, apuntou que "estes obradoiros permitirán que a rapazada sexa consciente de que se pode expresar en galego a través das regueifas, un elemento da nosa tradición que se pode vincular a outras formas de expresión que lles son máis familiares como o rap". Ademais, esta actividade formativa está pensada para que o alumnado "reflexione sobre os prexuízos que adoitan aparecer nas regueifas e tamén en moitas vertentes do rap, nomeadamente no ámbito do xénero e do sexo".

Certame Enreguéifate e Regueifesta

Nas próximas semanas será convocada a segunda edición do certame Enreguéifate, seguindo o modelo da primeira edición do ano pasado. A concelleira de Normalización Lingüística de Teo, Pilar Faxil encargouse de dar os primeiros detalles da convocatoria, na que se poderá participar gravando en vídeo regueifas duns tres minutos de duración e en galego. Haberá premios en dúas categorías: escolar e xeral. Os galardóns serán simbólicos, e entregaranse no transcurso da Regueifesta, que se celebrará o 2 de maio no Auditorio de Galicia.

O festival constitúe un punto de encontro de escolares de todo o país arredor da improvisación oral en verso. Nel tamén participará alumnado procedente de Euskadi que dende hai varios anos mantén relación co proxecto Regueifesta para establecer unha ligazón entre a regueifa e o bertso, e por primeira vez haberá unha representación de Cataluña. Un dos impulsores do festival é Manolo Maseda, que explicou que despois do éxito do festival do ano pasado "cun Auditorio que quedou pequeno, este ano haberá un dobre pase para acoller á maior cantidade posible de rapaces e rapazas chegados de toda Galicia". Maseda defendeu a utilización da regueifa como recurso didáctico "porque o profesorado temos a obriga de ensinar coa emoción, e a regueifa é unha das mellores vías para logralo, para loitar contra a deixazón coa lingua da nosa rapazada".

Toda a información sobre as actividades vinculadas ao proxecto Enreguéifate pódese atopar na nova web www.enreguéifate.gal. Nas próximas semanas, a través desta páxina difundiranse as bases da convocatoria do II certame Enreguéifate. Ademais, nela xa se poden ver os vídeos gañadores da primeira edición de 2017.

Descargas

Compartir: