Inicio Carballo ao día Novas Os Babycontos abriron un programa de actividades...

Os Babycontos abriron un programa de actividades con Apego que presta unha atención especial aos bebés

A próxima actividade será o contacontos teatral de Trinketrinke que terá lugar mañá mércores na Biblioteca Rego da Balsa. Os convites xa están esgotados

Martes 23 de xaneiro do 2018 Lingua

Os

Os "Babycontos" reuniron a bebés de 0 a 3 anos na Ludoteca Municipal

Os Babycontos de Tótem abriron as actividades con Apego que se desenvolverán ao longo deste primeiro trimestre do ano organizadas por distintos departamentos do Concello de Carballo coa finalidade de seguir promovendo a socialización da infancia en galego dun xeito transversal. Esta primeira actividade, que se desenvolveu na Ludoteca Municipal, é unha das moitas programadas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, xa que nesta ocasión pensouse especialmente nos bebés para que a oferta cultural chegue xa á primeira infancia.

Deste xeito, dentro da programación con Apego figura tamén o espectáculo Fíos do querer, que ofrecerá (xoves 25, a partir das 18 horas no Pazo da Cultura) tamén para bebés de cero a tres anos a Cé Orquestra Pantasma. Hoxe contabamos con 10 prazas dispoñibles para os Babycontos, pero para o xoves son 75, que están a outorgarse por orde de inscrición no Servizo de Normalización Lingüística ou no enderezo electrónico nelvidal@carballo.gal

E, continuando coa oferta para bebés, o martes 30 chegarán os nanocontos de Raquel Queizás Conto me río, nos que poderán participar un máximo de 20 familias en dúas sesións, ás 17.15 e ás 18.15 horas, na Ludoteca. O prazo de inscrición xa está aberto tanto na Biblioteca Rego da Balsa coma na propia Ludoteca.

Aínda que as propostas continuarán en febreiro e marzo, ata o remate do inverno, a programación deste mes complétase cun novo contacontos teatral de Trinketrinke na Biblioteca Rego da Balsa, neste caso para nenos e nenas de 3 a 8 anos. Será hoxe, en dúas sesións, pero as 60 prazas xa están reservadas. 

E remataremos a programación de xaneiro o día 31 cun obradoiro de máscaras de peliqueiros e cigarróns na Ludoteca Municipal. Comezará ás 17.30 horas e vai dirixido a pequenos e pequenas de 4 a 10 anos, que poderán inscribirse a partir de mañá mércores na Biblioteca Rego da Balsa ou na Ludoteca. Hai 20 prazas dispoñibles para celebrar que O Entroido xa vén.

Compartir: