Inicio Carballo ao día Novas Vinte e dúas familias carballesas...

Vinte e dúas familias carballesas están empezando a experimentar coa vermicompostaxe

Carballo e As Pontes son os primeiros concellos galegos en poñer en marcha a experiencia en colaboración con Sogama

Luns 22 de xaneiro do 2018

As 22 familias que se inscribiron para participar no programa piloto de vermicompostaxe están empezando a poñer en práctica a formación e os consellos que lles ofreceron o sábado os técnicos da empresa pontevedresa Ecocelta, especializada na fabricación de abonos ecolóxicos. A experiencia, que polo momento só se desenvolve no noso concello e no das Pontes, recibiu moi boa acollida, polo que nin desde o Concello de Carballo nin desde Sogama se descarta unha ampliación a curto ou medio prazo sempre que existan máis persoas interesadas.

Estes/as 22 pioneiros/as encargaranse agora de poñer en valor a materia orgánica e darlle un tratamento ecolóxico que permita aproveitala in situ e transformala nun abono natural que, por certo, ten excelentes propiedades para o chan. O persoal técnico explicoulles o sábado todo tipo de cuestións, como cal é a mellor localización para o vermicompostador, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo ou cal é a temperatura ideal para preservar a vida das lombrigas.

O vermicompostador que se lles entregou consta de tres caixóns e un vermibox cunha poboación aproximada de 200 lombrigas adultas eisenia andrei, que consomen diariamente 450 gramos de materia orgánica.

Para manter o sistema nas mellores condicións recoméndase remover a mestura periodicamente para manter a súa osixenación, evitar a exposición directa das lombrigas ao sol, xa que son fotofóbicas, manter a humidade en aproximadamente o 70% e a temperatura entre os 15 e os 25º C. E tamén se aconsella que o produto final (vermicompost), sempre que non vaia ser utilizado no momento, sexa colocado sobre unha superficie plana para propiciar o seu secado e maduración, así como illalo do chan, a humidade e a choiva, almacenándoo en sacos de rafia que permitan a transpiración.

Estas e outras cuestións recóllense nun manual didáctico que se lle entregou a cada familia, o sábado pasado no Fórum Carballo, xunto co vermicompostador.

Compartir: