Inicio Carballo ao día Novas O Concello prepara unha nova experiencia de...

O PRESIDENTE DE SOGAMA REUNIUSE HOXE CON EVENCIO FERRERO E LUIS LAMAS

O Concello prepara unha nova experiencia de recollida selectiva de residuos orgánicos na que participarán 2.000 familias

Para este sábado día 20, ademais, está previsto o comezo dun programa de vermicompostaxe pioneiro en Galicia coa formación e a entrega de material aos 22 participantes

Xoves 18 de xaneiro do 2018

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Javier Domínguez, na reunión de hoxe

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Javier Domínguez, na reunión de hoxe

A estas alturas parece pouco probable que España acade no ano 2020 o obxectivo europeo de recuperación do 50% dos bio-residuos. Pero non queremos que sexa por culpa do Concello de Carballo. Por iso, e porque cremos que é posible unha xestión máis eficiente dos residuos, desde as concellerías de Obras e Servizos, por unha banda, e Medio Ambiente, por outra, estamos a traballar para seguir sendo un concello comprometido e pioneiro na xestión dos residuos sólidos urbanos. Hoxe estivo no noso concello o presidente de Sogama, Javier Domínguez, que destacou a proactividade do goberno municipal nesta área.

O motivo da visita foi seguir avanzando cara a implantación dunha nova experiencia de recollida selectiva de residuos orgánicos promovida desde o Concello de Carballo e na que poderán participar inicialmente un total de 2.000 familias. Dalgún xeito, como explicaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, trátase de darlle continuidade ao exitoso proxecto piloto “Ti tes a chave”, que se levou a cabo no barrio da Milagrosa, e de estendelo a todo o casco urbano. O sistema de funcionamento será moi semellante, pero agora haberá 2.000 chaves, é dicir, 2.000 familias voluntarias.

“Temos a intención de facer esa implantación progresiva para poder garantir a calidade da materia orgánica e que, como se conseguiu na Milagrosa, os impropios sexan os menos posibles”, manifestou o alcalde

Con cargo ao Plan Único Adicional, o Concello de Carballo xa ten prevista e aprobada a adquisición dos primeiros 151 contedores de cor marrón e con chave que se colocarán nas distintas zonas do casco urbano a disposición das persoas interesadas. Sogama colaborará na formación do voluntariado e nas futuras ampliacións da rede de recollida. “Temos a intención de facer esa implantación progresiva para poder garantir a calidade da materia orgánica e que, como se conseguiu na Milagrosa, os impropios sexan os menos posibles”, manifestou o alcalde.

A posta en marcha da iniciativa está pendente, por unha banda, de que a Deputación da Coruña dea vía libre á contratación dos proxectos financiados con cargo ao Plan Único Adicional, e, por outra, á posta en marcha da planta de compostaxe de Sogama, para a cal xa hai data de inauguración.

Arranca a vermicompostaxe

Pero as iniciativas promovidas desde o Concello para mellorar a xestión dos residuos non quedan aí. En Carballo xa son 150 as familias do rural que están colaborando na redución de residuos por medio da compostaxe caseira. E este sábado arrancará un novo proxecto de vermicompostaxe pioneiro en Galicia. Comezaremos con 22 vermicomposteiros que se xestionarán cunha nova tecnoloxía para o tratamento dos residuos orgánicos. Este tratamento realízase con “miñocas” que se incorporan no vermicomposteiro. A implantación correrá a cargo da empresa especializada Ecocelta, que leva a asistencia técnica do programa no que participan Sogama e o Concello.

Para este sábado ás 10.30 horas están convocadas no Fórum Carballo as 22 familias inscritas para ofrecerlles unha formación previa e facerlles entrega dos medios materiais precisos. As persoas que non poidan asistir deberán poñerse en contacto co Concello de Carballo.

Compartir: