Inicio Carballo ao día Novas Aberto o prazo de inscrición para as...

Aberto o prazo de inscrición para as primeiras actividades con Apego do ano

O martes 23 terá lugar na Ludoteca a sesión Babycontos e o xoves 25 no Pazo da Cultura actuará Cé Orquestra Pantasma

Xoves 18 de xaneiro do 2018 Lingua

Despois do Nadal, e co comezo do novo ano, volve unha nova programación de actividades do proxecto Apego, a correspondente ao Inverno de 2018, que, coma sempre, incluirá actividades de dinamización para nenas e nenos, con música, contacontos, obradoiros, etc., e tamén actividades formativas e informativas dirixidas a nais e pais, organizadas desde diversos departamentos do Concello de Carballo, como o Servizo de Normalización Lingüística, o Departamento de Cultura, a Biblioteca ou a Ludoteca. E, aínda que o programa completo farase público na vindeira semana, xa está aberto o prazo de inscrición para as primeiras actividades.

A primeira delas é Babycontos, unha sesión de contos para bebés desenvolvido por Tótem e que terá lugar o martes 23, ás 17.30 h, na Ludoteca. Nesta sesión poden participar un máximo de 10 bebés de 0 a 3 anos, e que se poden inscribir xa, de balde, na Biblioteca Rego da Balsa, no teléfono 981 758 580, achegando os nomes, idade e teléfono de contacto. Para a admisión respectarase a orde de inscrición.

A outra das actividades para bebés é Fíos do querer, un espectáculo-obradoiro musical de Cé Orquestra Pantasma para xogar, cantar e bailar cos nenos e as nenas de colo, e que terá lugar o xoves 25, ás 18.00 h, no Pazo da Cultura, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística. Nela poden participar un máximo de 75 nenos/as de 0 a 3 anos, que se deben inscribir, de balde, no Servizo de Normalización Lingüística, no enderezo electrónico nelvidal@carballo.gal, achegando os datos do/a bebé (nome, apelidos e idade) e da persoa acompañante (nome, apelidos e datos de contacto).

Ligazóns

Compartir: