Inicio Carballo ao día Novas Arranca na parroquia de Bértoa a...

Arranca na parroquia de Bértoa a campaña escolar de información sobre a vespa velutina

A primeira sesión terá lugar mañá mércores na escola unitaria de Mirón

Martes 16 de xaneiro do 2018

A partir de mañá os nenos e as nenas de Carballo saberán moito máis sobre a vespa velutina e mesmo poderán colaborar, xunto coas súas familias, a loitar contra a propagación desa especie invasora. O Concello de Carballo, en colaboración coa empresa encargada do servizo de control de pragas, Plaguiber, e apicultores locais pon en marcha unha campaña informativa especificamente deseñada para escolares. Esta iniciativa conxunta, na que participan as concellerías de Educación, Medio Ambiente e Obras e Servizos, trata de sensibilizar á poboación, empezando polos máis pequenos e pequenas, sobre un problema que está a causar estragos en toda Galicia, e tamén no noso concello, no que o ano pasado retiramos 647 niños.

A campaña comezará nas escolas unitarias. A primeira será, mañá mércores, a de Mirón, pero xa están pechadas tamén as datas para A Rega (día 19), Berdillo (22), Artes (23), Xoane (24), Cances (25) e Sísamo (26). A xornada informativa desenvolverase de 12.00 a 13.00 horas. A proposta foi trasladada desde a Concellería de Educación a todos os centros, que amosaron o seu interese en participar.

Cada sesión incluirá unha exposición básica sobre a vespa asiática, que irá acompañada por unidades didácticas adaptadas ás diferentes idades dos escolares. Ao final desta mesma nova podes descargar a de infantil. Persoal da empresa concesionaria e apicultores amosarán aos nenos e nenas un niño primario, outro secundario completo e outro seccionado para que vexan o interior; así como unha pértega, un traxe e outro material utilizado na loita contra a velutina. Ademais, a formación incluirá a construción dunha trampa caseira. Por iso, pídese que cada alumno/a leve dúas botellas de plástico para aprender a facer a trampa que poderán utilizar na vindeira primavera para contribuír a reducir a presenza de vespas.

Descargas

Compartir: