Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas por 123.904 euros as obras de mellora...

Adxudicadas por 123.904 euros as obras de mellora e acondicionamento da rúa Montevideo

A Xunta de Goberno Local tamén iniciou na súa sesión de hoxe o expediente de contratación da última obra do canon da auga do 2017

Luns 15 de xaneiro do 2018

O concelleiro de Obras e o alcalde, durante unha visita á rúa Montevideo

O concelleiro de Obras e o alcalde, durante unha visita á rúa Montevideo

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión de hoxe a adxudicación das obras de mellora e acondicionamento da rúa Montevideo á empresa Construcciones López Cao SL por un importe de 123.904 euros. O proxecto, incluído no POS + 2017, ten un prazo de execución de catro meses a partir do día seguinte ao da firma da acta de comprobación de replanteo.

Nestes momentos a rúa Montevideo ten beirarrúas en ámbalas marxes de 1,25 metros de ancho, un carril de circulación de 6,5 metros, e conta ademais cuns servizos deficientes, xa que non hai rede separativa de augas pluviais e residuais, a de telecomunicacións e a eléctrica son parciais e hai varias luminarias con cableado aéreo. Coa actuación proposta instalaranse, renovaranse ou completaranse todos os servizos, o que suporá unha mellora moi importante para as persoas residentes, e ademais modificarase o acabado da rúa, que será de plataforma única e contará con beirarrúas de 1,8 metros, zona de aparcamento e carril de circulación de pavimento continuo de formigón con sentido de circulación única. Tamén se inclúen pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical, así como novas luminarias.

O proxecto afecta tamén ao tramo de beirarrúa da rúa Alfredo Brañas comprendido entre a Montevideo e a Vázquez de Parga, que tamén está deteriorada. 

Canon da auga

EDAR de Carballo

EDAR de Carballo

Na súa reunión de hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén iniciou o proceso de contratación da última obra incluída no canon da auga de 2017, que consistirá na instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira -que permitirá, por exemplo, evitar a entrada de toalliñas húmidas- e outras melloras nas redes de saneamento e abastecemento. O orzamento ascende a 614.481,32 euros.

Dentro do canon da auga do ano pasado tamén figuran outras obras en proceso de contratación: melloras das isntalacións electromecánicas da ETAP e das EDAR de Carballo e Razo (258.616 euros), rede de saneamento en Vilar de Cidre (216.555 euros), rede de saneamento no Cadabuxo, A Ermida e A Rachola (99.272 euros), rede de saneamento no Barral, Feira de Berdillo e Quintela (231.151 euros), rede de saneamento en A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños (254.009 euros) e redes de saneamento nas parroquias de Rus e Sofán (134.913 euros).

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local aprobou a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para colaborar no mantemento do servizo de normalización lingüística e doutra para a contratación dun técnico de deportes. Tamén autorizou cinco licenzas urbanísticas.

Fóra da orde do día foron aprobadas as bases do XX Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, así como a sinatura de convenios de colaboración coa Fundación Luis Calvo Sanz e Interfilm Carballo para o financiamento do mesmo. Tamén recibiu luz verde un convenio coa Asociación de Irmandamento con L’Isle Jourdai para a cesión temporal de materiais para a Biblioteca Rego da Balsa. Así mesmo, o goberno decidiu solicitar unha subvención á Deputación para a contratación dun/ha técnico/a de turismo e outra ao Agadic para o Festival Carballo Interplay 2018.

Compartir: