Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo seguirá colaborando...

REUNIÓN DO ALCALDE E A CONCELLEIRA CO XEFE TERRITORIAL

O Concello de Carballo seguirá colaborando coa Xefatura Territorial de Educación na mellora dos centros de ensino

Nos orzamentos municipais deste ano figuran 162.000 para investimentos, aos que se suma outra importante partida para mantemento

Luns 15 de xaneiro do 2018

Edificio de infantil do CEIP Bergantiños

Edificio de infantil do CEIP Bergantiños

O Concello de Carballo segue apostando pola educación como unha das áreas prioritarias da acción de goberno, e nese sentido renova o seu compromiso de colaboración coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia para seguir mellorando os centros de ensino, e, polo tanto, a calidade da educación que reciben os nosos nenos e nenas. Así llo transmitiron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, ao xefe territorial, Indalecio Cabana, co que mantiveron unha reunión hoxe pola mañá.

De feito, un dos obxectivos da xuntanza era analizar as posibilidades de acometer unha serie de melloras presentadas polos colexios Fogar e Bergantiños. A directora deste último tamén estivo presente neste punto, xa que desde o centro levan tempo reclamando unha serie de obras que van máis alá da competencia municipal. Hoxe o xefe territorial comprometeuse a estudar que tipo de investimentos se poden acometer con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia.

Pavillón do CEIP Gándara-Sofán

Pavillón do CEIP Gándara-Sofán

Pola súa banda, o Concello de Carballo xa ten consignados nos orzamentos deste ano, á parte dunha importante partida para mantemento, un total de 162.000 euros para investimentos. En concreto figuran 42.000 euros para a construción de vestiario no CEIP Gándara-Sofán, 55.000 euros para a mellora da pista deportiva do IES Isidro Parga Pondal e 65.000 para outras actuacións.

Evencio Ferrero e Mar Eirís tamén trasladaron a Indalecio Cabana a petición do Consello Parroquial de Vilela para que desde Educación se estude a posibilidade de crear unha aula de educación infantil na parroquia.

Por último, o alcalde e a concelleira informaron ao xefe territorial sobre a marcha das obras do pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero, que se suma a outros investimentos realizados no 2017, como a instalación de novos pavimentos deportivos nos pavillóns do IES  Monte Neme e o CEIP Fogar. Tamén abordaron a petición de desafectación das antigas vivendas dos mestres para que pasen a ser de titularidade municipal, xa que na actualidade pertencen á Xunta de Galicia

Compartir: