Inicio Carballo ao día Novas A veciñanza de Carballo depositou o ano...

A veciñanza de Carballo depositou o ano pasado 70 toneladas de téxtil usado nos contedores de Humana para darlle un fin social

O volume de achegas aumentou un 18% nos últimos dous anos

Mércores 10 de xaneiro do 2018

No municipio de Carballo temos 16 contedores para téxtil

No municipio de Carballo temos 16 contedores para téxtil

A Fundación Humana, que leva 30 anos promovendo a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil e desenvolvendo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, recolleu o ano pasado en Carballo un total de 70.623 quilos de téxtil usado, o que supón un incremento de case un 9% con respecto ao 2016 e do 18% nos dous últimos anos.

Desde o pasado mes de outubro, coa instalación de dous novos puntos de recollida, a organización conta no noso concello con 16 contedores nos que podemos depositar roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar que xa non usamos, e que deste xeito teñen unha segunda vida. O servizo é gratuíto, e representa un aforro importante na xestión dos residuos sólidos urbanos.

Os novos colectores están situados xunto ao CEIP Gándara-Sofán e na avenida de Bergantiños, xunto ao Parque do Chorís. Pero hai outros 14 nos seguintes emprazamentos: rúa Barcelona, rúa Perú (Centro Comercial Bergantiños), avenida do Ambulatorio (centro de saúde), rúa Luis Calvo (estación de autobuses), Praza Eduardo Pondal, rúa Gravador Manuel Facal, rúa Poñente (estación de servizo), cruce das rúas Río Eume e Mahón, cruce das rúas Gran Vía e Vila de Corcubión, rúa Xílgaro, rúa Orquídea, rúa Igrexa, Centro Social de Sofán e igrexa de Berdillo. Nos do Centro Comercial Bergantiños e o centro de saúde superáronse o ano pasado os 10.000 quilos de téxtil, pero incluso nos dous que se colocaron en outubro xa xe recolleron uns 500 quilos, o que demostra a boa acollida que ten o servizo.

Humana é pioneira na recollida de téxtil usado

Humana é pioneira na recollida de téxtil usado

Humana foi unha entidade pioneira no Estado na recollida e xestión do téxtil usado, que se realiza hoxe en día en contedores metálicos que garanten altos niveis de usabilidade e seguridade. Grazas a este labor, dende Carballo tamén estamos a colaborar na protección do medio ambiente e na loita contra o cambio climático, xa que ademais de recuperar as prendas evítase o seu depósito en vertedoiros, contribuíndo á redución da emisións de gases de efecto invernadoiro. As 70 toneladas recollidas no noso concello representan un aforro de 220 toneladas de CO2 á atmosfera, ou, o que é o mesmo, equivale a que 12.000 coches deixen de circular durante un día. Sen dúbida, o planeta agradecerá o noso xesto.

Compartir: