Inicio Carballo ao día Novas Carballo acolle do 9 ao 19 de xaneiro unha...

Carballo acolle do 9 ao 19 de xaneiro unha campaña sobre a reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrodomésticos

No noso concello están rexistrados seis establecementos colaboradores nos que se poden depositar os RAEE

Luns 8 de xaneiro do 2018

Un stand como este estará en Carballo

Un stand como este estará en Carballo

O que se enchufa, recíclase” di o lema da campaña que se desenvolverá no noso concello desde o martes 9 ata o venres 19 deste mes. Trátase dunha iniciativa de ámbito autonómico, na que colaboramos desde o Concello de Carballo, co obxectivo de informar sobre a importancia de reciclar os residuos de aparellos eléctricos e electrodomésticos (RAEE), un labor que vimos desenvolvendo a través do noso Punto Limpo, situado no polígono industrial de Bértoa, que está á vosa disposición os xoves e os sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Durante os vindeiros dez días estará aberto ao público na esquina das rúas Coruña e Desiderio Varela (no caso de traslado por culpa do mal tempo informaremos puntualmente) un posto informativo no que, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, ofrecerase material divulgativo dirixido tanto á poboación en xeral como aos empresarios do sector. En Carballo contamos, ademais do Punto Limpo, con seis establecementos rexistrados como colaboradores e receptores deste tipo de residuos (Comercial Queijo Blanco, Idea Carballo, Electrosat Beyga, María Mercedes Vázquez Vilar, Tecnosos e Electrodomésticos Lorama) e comprometidos, polo tanto, co medio ambiente. En todos eles poden depositarse os aparellos eléctricos ou electrodomésticos cando remata a súa vida útil.

A campaña “O que se enchufa, recíclase” está a percorrer Galicia para concienciar á poboación sobre a importancia de depositar os RAEE nos puntos habilitados, pero tamén para que os puntos de venda sexan conscientes da importancia de colaborar na súa recollida. Para facelo dun xeito ameno, as persoas que visiten o stand poderán participar nun xogo no que obterán un premio só por participar.

Compartir: