Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Unidade de Estranxeiría e...

A Unidade de Estranxeiría e Documentación tramitou 8.605 DNI e 1.640 pasaportes desde a súa posta en servizo

“Era un servizo tremendamente necesario, e a proba é que a cidadanía está a valoralo moi positivamente”, destaca o alcalde

Sábado 23 de decembro do 2017 Carballo ao día

Nos nove meses que leva en funcionamento, a Unidade de Estranxeiría e Documentación de Carballo, un servizo que forma parte da estrutura organizativa da Policía Nacional e que ten como cometido a tramitación e expedición de documentación de cidadáns españois e o control de cidadáns estranxeiros, tramitou 8.605 DNI e 1.640 pasaportes. O balance que realiza o propio servizo é moi positivo, tanto pola elevada demanda como pola boa acollida. De feito, o persoal recibiu ao longo destes meses varias felicitacións. A elas únese tamén o alcalde, Evencio Ferrero, ademais de destacar que “era un servizo tremendamente necesario, e a proba é que a cidadanía está a valoralo moi positivamente”.

Aínda que os/as carballeses/as somos os/as principais usuarios/as, a Unidade de Estranxería e Documentación de Carballo é xa un centro de referencia para os habitantes de toda a Costa da Morte, e mesmo ten prestado atención a cidadáns das catro provincias galegas e doutras comunidades, como Madrid ou Barcelona. Os períodos vacacionais, como o verán e o Nadal, rexistran unha maior demanda, fundamentalmente porque son moitos os/as veciños/as da zona que residen no estranxeiro e que aproveitan as vacacións para poñer a punto a documentación. Coa posta en marcha do servizo tamén entrou en funcionamento o Punto de Actualización do DNIe (PAD), dispoñible as 24 horas do día nas dependencias da Policía Local para as persoas que precisen activar o seu DNI electrónico.

Na unidade de Carballo existe unha plantilla de seis funcionarios: un oficial, dous policías e tres funcionarios dos corpos xerais. O horario de funcionamento é de luns a venres de 9 a 14, e o teléfono de atención ao público é o 981 755 118. Tamén está operativo o servizo de cita previa por Internet. Ademais do labor propio do servizo, a oficina de Carballo tamén se ten convertido nun punto de referencia para os colexios do concello, que aproveitan as visitas do alumnado á Casa do Concello para que tamén coñezan o traballo que desenvolve a Policía Nacional. 

Compartir: