Inicio Carballo ao día Novas Culleredo e A Coruña acollen a...

CARBALLO INTERPLAY

Culleredo e A Coruña acollen a gravación de "Hai vida en Bran?"

Un equipo capitaneado por Ángela Andrada dalle forma estes días ao premio ao mellor proxecto de webserie en galego do IV CIP, que se estreará na próxima edición do certame

Venres 1 de decembro do 2017

O equipo de

O equipo de "Hai vida en Bran?"

O xurado do IV Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay decidiu o pasado mes de maio outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Hai vida en Bran?, creada e protagonizada por Ángela Andrada. Un proxecto que quere "cambiar o rumbo do audiovisual rompendo estereotipos" e que estes días toma forma na parroquia de Celas (en Culleredo) e máis na cidade da Coruña.

Esta nova webserie conta a vida de Mariña, unha moza licenciada en belas artes e seguidora do glam rock que volve á casa da súa nai, na pequena vila de Bran, despois de intentar, sen éxito, abrirse camiño no mundo do cómic. É unha comedia con forte presenza musical e pequenas tinturas dramáticas que retrata a Xeración Xabarín, os mozos de soños rotos, criados enfronte dun televisor, aos que se lles prometeu que chegarían lonxe e que agora se atopan cun futuro incerto.

"Hai vida en Bran?" é unha comedia con forte presenza musical

Un equipo novísimo, encabezado pola propia Ángela Andrada e máis por Cristina Mariño, Pastor Rodríguez, Gonzalo Faílde e Daniel Celester, faise acompañar por caras coñecidas do audiovisual galego, como Isabel Blanco e Cris Iglesias, para dar vida á historia de Mariña, que sen cartos e en plena crise dos 25, comeza a traballar na tenda da gasolineira, Súper Dépor 24 e, para combater o aburrimento e a soidade, mergúllase na creación do seu novo cómic, O home das estrelas. A súa imaxinación desbórdase por completo, cando o protagonista do mesmo, Orión, un extraterrestre glam, cobra vida. Xunto a Orión, Mariña redescubrirá Bran e os estraños fenómenos que acontecen nela, aos seus peculiares habitantes, e a si mesma.

Hai vida en Bran? estrearase na quinta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5, 6 e 7 de abril de 2018 e que está en pleno proceso de recepción de propostas, tanto para a sección oficial a concurso como para o premio ao mellor proxecto de webserie en galego, que de novo estará dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos e se resolverá cun pitching en directo durante o festival. As persoas interesadas en participar poden facelo a través da web www.carballointerplay.com.

Compartir: