Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo inviste 300.000 euros na...

O Concello de Carballo inviste 300.000 euros na mellora das infraestruturas e os servizos do polígono industrial de Bértoa

Neste momento están en execución as obras de acondicionamento da zona verde, creación de aparcamentos e mellora da seguridade, incluídas nun convenio coa Deputación

Venres 1 de decembro do 2017

As novas prazas de aparcamento da rúa Bronce xa están en uso

As novas prazas de aparcamento da rúa Bronce xa están en uso

O Concello de Carballo está a realizar un importante investimento na mellora das infraestruturas e os servizos do polígono industrial de Bértoa. Os proxectos en marcha achéganse aos 300.000 euros, en boa parte grazas aos convenios asinados coa Deputación da Coruña para o financiamento de actuacións que dean resposta ás principais necesidades e demandas dos/as usuarios/as do parque empresarial.

Nesta liña enmárcase a actuación que está levando a cabo nestes momentos a empresa Lancer Proyectos y Obras por un importe de 112.825,49 euros. Os traballos consisten, por unha banda, na creación de zonas de aparcamento na rúa Bronce, onde quedarán dispoñibles 4 prazas para vehículos pesados e 74 para turismos, tres delas reservadas para persoas con discapacidade. Ao mesmo tempo están levándose a cabo melloras na zona verde para ampliar o espazo destinado a merendeiro, reparar os elementos recreativos e separar todo ese ámbito dos carrís de circulación mediante unha pantalla vexetal. No mesmo proxecto incluíuse a instalación na rúa do Cobre dunha barreira para o acceso dos vehículos, o que facilita o control nocturno do polígono.

Reposición da capa de rodadura

A colaboración entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña tamén permitirá acometer en breve as obras de reposición da capa de rodadura, que está en fase de contratación e ten un orzamento de 164.793,25 euros (como no caso anterior, o Concello pon o 20% e a Deputación, o 80%). O proxecto consistirá na reparación e posterior pavimentación de varias vías no polígono desenvolvido por iniciativa privada, concretamente nas rúas Cobre (758,91 m.), Bronce (1.100 m.), Lousa (370,53 m.), Titanio (707,26 m.), Ferro (539,46 m.) e Estaño (146,67 m.), cunha lonxitude total de 3,62 quilómetros.

As obras consistirán no fresado e reparación das gretas, fisuras, e fochancas existentes e a posterior aplicación dunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor, estendida e compactada, que axustará a rasante ás zonas contiguas en bo estado, mellorando notablemente as condicións da circulación. Así mesmo, construirase un novo tramo de beirarrúas de 26 metros de longo e 2 de ancho ao longo na rúa Titanio, mellorando tamén a seguridade peonil na zona. Os traballos rematarán co pintado das marcas viarias, pasos de cebra e límites de velocidade, e a reposición da sinalización horizontal e vertical.

Mellora na rede de abastecemento

Tamén está pendente de adxudicar o proxecto de melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento de Carballo, que ten un orzamento de 175.255,67 euros procedentes do canon da auga. Entre as actuacións que se levarán a cabo con este investimento figura a substitución das canalizacións do polígono de Bértoa nun treito de 330 metros a partir do depósito elevado.

Compartir: