Inicio Carballo ao día Novas Aprobados os orzamentos do 2018 despois dun...

O PLENO COMEZOU CUN MINUTO DE SILENCIO POLAS VÍTIMAS DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Aprobados os orzamentos do 2018 despois dun pormenorizado debate sobre o documento

Todos os grupos agradeceron o traballo da tesoureira do Concello, Enriqueta Sánchez, que asistiu á súa última sesión antes de xubilarse

Martes 28 de novembro do 2017

A sesión comezou cun minuto de silencio

A sesión comezou cun minuto de silencio

A corporación municipal de Carballo aprobou os orzamentos do 2018 coa abstención do PSOE e os votos en contra de Terra Galega e o PP. A proposta económica presentada e defendida polo goberno do BNG foi obxecto dun intenso e pormenorizado debate que se prolongou durante case hora e media. Desde a oposición criticaron distintos aspectos do documento, críticas que foron rexeitadas desde o executivo. Deste xeito, o Concello de Carballo disporá o ano que vén dun orzamento de 26.754.882,34 euros, un dos máis altos da historia, como lembrou a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro.

Tamén saíu adiante o cadro de persoal, neste caso co voto en contra de TeGa e as abstencións de PSOE e PP, e en materia de persoal tamén foi aprobada a solicitude de compatibilidade presentada por unha traballadora municipal.

O PP presentou unha moción sobre o alumeado

O PP presentou unha moción sobre o alumeado

Outro dos debates máis intensos xirou arredor do alumeado público a raíz dunha moción presentada polo PP. O BNG presentou unha emenda na que incluía a convocatoria dos voceiros municipais para avaliar as solicitudes de reposición de puntos de luz nas distintas parroquias e a elaboración dun estudo das necesidades de iluminación no casco urbano. Os populares rexeitaron a inclusión da emenda, polo que o grupo de goberno votou en contra da moción. Tampouco tivo o apoio do PSOE, que optou pola abstención, mentres que TeGa votou a favor.

No apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse polos parques infantís adaptados, as axudas a familias numerosas ou o investimento en loitar contra a violencia de xénero, entre outros. Pola súa banda, TeGa preguntou por cuestións como os datos sobre consumo de auga, a convocatoria dunha praza da Policía Local, a iluminación pública ou as máquinas expendedoras dos complexos deportivos.

Carballo en negro

No pleno de onte a maior parte da corporación vestiu as camisetas da campaña Carballo en negro contra as violencias, promovida pola Concellería de Igualdade e Benestar arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra Mulleres e Nenas. De feito, a sesión comezou cun minuto de silencio polas vítimas.

Outra das protagonistas da sesión foi a tesoureira municipal, Enriqueta Sánchez Pollán, que asistiu ao último pleno antes da súa xubilación. Todos/as portavoces agradecéronlle o traballo desenvolvida e expresaron os seus mellores desexos para a nova etapa da súa vida que comeza.

Compartir: