Inicio Carballo ao día Novas O proxecto de abastecemento ás parroquias...

O proxecto de abastecemento ás parroquias de Oza e Razo prevé tamén as futuras conexións con Cances, Lema, Noicela e Rebordelos

O Concello de Carballo inicia os trámites para acometer a obra máis importante do 2018 coa solicitude dos informes sectoriais preceptivos

Luns 27 de novembro do 2017

Vista parcial de Razo

Vista parcial de Razo

O Concello de Carballo quere axilizar todo o posible a execución do proxecto de construción da rede de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, e con esa intención solicitou xa os informes sectoriais preceptivos que deberán emitir o Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña, a Axencia Galega de Infraestruturas (Consellería de Infraestruturas e Vivenda), e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e Augas de Galicia (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio) polas distintas afeccións que poderían ter as obras.

O proxecto está incluído nos orzamentos do 2018, que se presentan hoxe ao pleno da corporación, cunha partida de 1.699.912,70 euros. Será non só o investimento unitario máis importante do ano que vén, senón tamén o máis cuantioso realizado nunca polo Concello de Carballo sen axuda doutras administracións. O financiamento procede do canon da auga (un millón de euros) e doutros recursos propios.

Santa Mariña

Santa Mariña

A rede de abastecemento arrancará do polígono industrial de Bértoa en dirección a Oza, onde chegará aos lugares das Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo. Neste punto conectará coa rede existente e quedará preparada a futura conexión para estender o servizo á parroquia de Cances. Xa na parroquia de Razo, en Vilar de Cidre está en fase de contratación nestes momentos a rede de saneamento (incluída no canon da auga do 2017 con 216.555,18 euros), e dentro desa obra inclúese como mellora a instalación das canalizacións para o abastecemento. Do mesmo xeito, o núcleo de Nétoma quedou preparado para recibir o servizo cando se realizaron as obras de pavimentación. A rede estenderase a toda a zona de Arnados -da que partirá a conexión principal para o futuro subministro traída a Lema, Noicela e Rebordelos- así como a Razo da Costa e Santa Mariña.

Compartir: